A Xunta convoca as bolsas de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario na Administración de Xustiza

As bolsas de traballo e de reserva estarán conformadas por un total de 1.015 prazas, 217 máis que na convocatoria anterior

A modificación da orde de 2018, negociada entre a Xunta e as organización sindicais, mellora aspectos como a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade ou a flexibilización dos requisitos para o acceso a bolsas de traballo

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de bolsas de traballo de persoal interino dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia, cun total de 1.015 prazas, 217 máis que na convocatoria anterior, e das que 609 corresponden á bolsa de traballo e 406 para a de reserva.
Trátase de 240 prazas na categoría de xestión procesual e administrativa -144 de traballo e 96 de reserva-, outras 435 para a de tramitación procesual e administrativa -261 para a bolsa de traballo e 174 para a de reserva- e un total de 340 para as de auxilio xudicial, das que 204 son da bolsa de traballo e as 136 restantes para a de reserva. Por provincias, destaca A Coruña cun total de 443 prazas, seguida de Pontevedra con 352, Lugo con 113 e Ourense con 107.
A convocatoria publicada hoxe desenvolve o procedemento de solicitude para a inclusión nas bolsas de persoal interino na Administración de Xustiza, unha vez publicada o pasado 17 de decembro a modificación da orde de 2018 sobre a selección e o nomeamento deste persoal tras a negociación entre a Xunta e as organizacións sindicais.

A nova convocatoria flexibiliza os requisitos para acceder á bolsa respecto da convocatoria do 2018, atendendo a circunstancias como a creación de novos órganos xudiciais, o incremento dos plans de reforzo motivados pola elevada carga de traballo dos xulgados ou o elevado número de xubilacións voluntarias, que aconsellan dispor dun maior número de integrantes para dar cobertura ás necesidades actuais de provisión de postos desocupados. Deste xeito, a Xunta aumentou de forma proporcional o número de integrantes da bolsa atendendo ás necesidades de contratación desde a anterior convocatoria, con 217 prazas máis.

A apertura da nova bolsa tamén mellora aspectos como a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, ou a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade ou rendemento, entre outros aspectos.
O persoal solicitante que, admitido definitivamente, non se integre nin na bolsa de traballo nin na de reserva do correspondente corpo, por exceder o número de integrantes fixado, quedará nunha lista de persoas baremadas á que se poderá recorrer de esgotarse as ditas bolsas.
Entre os requisitos que deben cumprir as persoas solicitantes inclúese ter a nacionalidade española ou ter cumpridos 16 anos de idade e non ter alcanzada a idade máxima de xubilación forzosa, salvo no caso do corpo de auxilio xudicial, no que a idade mínima exixida é 18 anos.
Como requisitos específicos, para o corpo de xestión exíxese o título de grao, diplomatura universitaria, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica; para o corpo de tramitación, título de Bacharelato ou equivalente e para a categoría de auxilio xudicial, título de graduado/a en Educación Secundaria Obrigatoria ou similar.
Ademais, para a inclusión nos corpos de xestión e de tramitación deberá acreditarse a experiencia na utilización do procesador de tratamento informatizado de textos.
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde mañá. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza (OPAX) na web http://opax.xunta.es, ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas