A Xunta destaca no Congreso dos Deputados o éxito do Plan Galego de Vacinación co que cumpriu con semanas de antelación os obxectivos establecidos polo Goberno de España

A directora xeral de Saúde Pública salientou o liderado de Galicia na campaña de vacinación da covid en Galicia que a sítúa como a comunidade con maior porcentaxe de poboación coa pauta completa

O Executivo galego lamentou a pouca transparencia do Ministerio de Sanidade nos criterios de reparto das vacinas así como as incertezas nos seus prazos de entrega

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, compareceu esta tarde ante a Comisión de Investigación sobre a xestión das vacinas e o Plan de Vacinación en España, nunha intervención na que destacou o éxito do Plan Galego de Vacinación, co que o departamento sanitario da Xunta puido cumprir con semanas de adianto os obxectivos fixados na Conferencia de Presidentes celebrada o pasado decembro e que foron enunciados polo Goberno de España.

Así, Galicia xa cumprira unha semana da celebración desa Conferencia o obxectivo que se marcou para finais de 2021 de ter vacinada coa terceira dose ao 80% da poboación de 60-69 anos; adiantouse un mes á meta marcada para a inoculación con dose de reforzo do 80% da poboación de entre 50 e 59 anos (conseguiuno o 23 de decembro fronte á data fixada de 24 de xaneiro) e case dous meses á data límite fixada para acadar o 80% da poboación de 40-49 anos con dose de reforzo (conseguido o 17 de xaneiro cando o obxectivo estaba fixado no 7 de marzo). Galicia tamén se adiantou aos obxectivos acordados a nivel nacional sobre vacinación infantil: fronte a un horizonte de chegar ao 70% deste grupo coa primeira dose o 7 de febreiro, Galicia logrouno o 15 de xaneiro.

Durante a súa intervención, Durán relatou o conxunto de medidas adoptadas desde o pasado 23 de decembro de 2021, data na que se elaborou a primeira das versións do Plan galego de vacinación. Así, a titular de Saúde Pública destacou a eficacia da campaña galega de vacinación cualificándoa como “exitosa”, e cuxa xestión “está avalada polos resultados” pois, Galicia sempre se mantivo entre os territorios que lideraron este proceso. Neste senso, remarcou a titular de Saúde Pública, a comunidade galega é na actualidade o territorio con maior porcentaxe de poboación maior de 12 anos coa pauta completa de vacinación cun 94,5%, polo 90,8% que rexistra a media nacional e lidera as porcentaxes de vacinación de dose de reforzo, chegando a dobrar a media nacional en algúns dos grupos de idade.

Así mesmo, Galicia conta coa maior porcentaxe de vacinación de menores con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos, aos que se lles administrou a primeira dose, superando en case 30 puntos a porcentaxe media do conxunto de España.

A directora xeral de Saúde Pública destacou como fundamentos da eficacia do proceso de vacinación en Galicia os sistemas de citación masiva, a organización da loxística do reparto das doses con garantía de trazabilidade, a constitución de equipos de vacinación específicos en recintos masivos e fora dos centros de saúde, a coordinación constante entre as distintas ramas da administración sanitaria e sociosanitaria e a transparencia constante sobre os datos do proceso.

Falta de transparencia nos criterios de reparto e incerteza nas entregas

Con todo, Carmen Durán lamentou a carencia de vacinas e os continuos cambios nas datas de entrega das mesmas, uns problemas de distribución que imposibilitaron planificar coa antelación necesaria as programacións de cada semana e obrigaron á administración autonómica a preparar sempre varias alternativas prevendo as eventualidades.

Nesta liña, a directora xeral de Saúde Pública trasladou o desacordo de Galicia co feito de que o Goberno de España nunca fixera públicos e transparentes os criterios de reparto das vacinas, tal e como se solicitou desde a Xunta. Nese sentido, amosou tamén a súa desconformidade en relación con que o proceso de distribución non tivera en conta o número de persoas que xa pasarán a enfermidade en cada comunidade autónoma e necesitaban, por tanto, menos doses.

Durán avogou porque as decisións sanitarias que inflúen directamente sobre a poboación deben ser acordadas por consenso, algo que en moitas ocasións non ocorreu no seo da Comisión Nacional de Saúde Pública, polo que salientou que é preciso fixar unha estratexia de gobernanza real na que quede definida o papel que debe xogar cada comisión ou organismo. Ademais, abundou en que é preciso elaborar un Plan nacional de xestión de stocks de carácter flexible, tal e como fixeron as comunidades autónomas.

Por último, agradeceu o traballo realizado polo de profesionais sanitarios e non sanitarios que interviron neste procesos, tendo así mesmo, palabra de recoñecemento para o conxunto da poboación galega pola súa responsabilidade, demostrada coa masiva adherencia á campaña de vacinación da covid-19.