O secretario xeral de Cultura visita as obras realizadas en virtude dun convenio co Concello de Guntín que facilitou a instalación dun ascensor e melloras interiores

A Xunta mellora a accesibilidade da Casa da Cultura de Guntín para garantir o acceso a todos os veciños

Salienta que o Goberno autonómico dá resposta así ao seu compromiso por impulsar o achegamento á cultura e fomentar as melloras tamén no rural

Tamén participa en Lugo na presentación do documental ‘Exeria: a primeira peregrina’ na Biblioteca Pública da cidade lucense
 

Guntín (Lugo), 7 de febreiro 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe os resultados das obras realizadas na Casa da Cultura de Guntín, que vén de ser reformada e acondicionada co apoio da Xunta. En concreto, as actuacións permitiron facer da Casa da Cultura un local accesible tamén para as persoas de mobilidade reducida, coa instalación dun ascensor, así como melloras nas escaleiras e reforma dos baños.

“Afondamos no noso compromiso por universalizar a cultura, fomentar que poida ser accesible para todos e tamén garantir que o noso apoio chegue do mesmo xeito ao rural”, expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. En total, o proxecto contou cun investimento de máis de 36.000 euros

Con esta actuación a Xunta mellora os servizos dos veciños de Guntín no eido cultural. O centro conta con salón de actos e varios locais distribuídos en sótano e dúas plantas e utilízase para acoller diversos actos culturais como cursos, clases a banda e a coral, iniciación a música, obradoiro de emprego, ximnasia, charlas, conferencias... e tamén e usado como lugar de reunión polos veciños do municipio.

Apoio ao audiovisual galego

Ademais de visitar Guntín, Anxo M. Lorenzo participou esta tarde en Lugo na presentación do documental Exeria: a primeira peregrina na Biblioteca Pública de Lugo. Durante o acto púxose de manifesto a fortaleza da creatividade galega con pezas como esta produción audiovisual de realización galega e proxección internacional gravada en cinco países que se centra nas grandes peregrinacións a Roma, Xerusalén e Santiago de Compostela.