A Xunta abre o prazo para solicitar axudas de ata 1500 euros para estancias en residencias e de 1000 para o pago dun coidador no fogar dentro da orde de respiro familiar

O Goberno galego inviste 600.000 euros para facilitar o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes ou con discapacidade

Será posible xustificar estancias temporais desde o 1 de decembro de 2021, ata o 30 de novembro deste ano

A partir de mañá poderase acceder a esta achega ao presentar a factura do servizo recibido
 

Mos (Pontevedra), 8 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova orde de Respiro familiar que permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais. A través deste programa, a Xunta de Galicia financiará o 100% da estadía en calquera centro residencial da Comunidade sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros; ou achegará un máximo de 1000 euros para aboar o custe dun coidador no fogar.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a residencia de DoralResidencias en Mos, que acolleu durante o 2021 estancias temporais de usuarios para facilitar a conciliación e o descanso do coidador. Durante a visita, Fernando González Abeijón explicou que o Goberno galego investirá 600.000 euros nesta nova convocatoria, na que se poderán xustificar estancias temporais desde o 1 de decembro de 2021 ata o 30 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso.

O principal obxectivo é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores. Poderase acceder á axuda sempre que a persoa ou persoas que atende sexan residentes na Comunidade. Ademais, a persoa á que atende deberá recoñecido un grao II ou III de dependencia, ou ben ter acreditado mediante informe médico e social a necesidade axuda de terceiros para actividades da vida diaria.

 

Imaxes relacionadas