A Xunta acomete a mellora de pistas interiores en Mougás, no concello de Oia, cun investimento de 52.000€

O delegado territorial, Luis López, e a alcaldesa, Cristina Correa, supervisaron esta actuación, que consistíu no acondicionamento e a reposición do firme no Camiño do Cabezo e a vía de Fabas ao longo de máis de 4.500 m² de superficie

O Goberno galego investíu nos últimos catro anos preto de 450.000 € na mellora de infraestruturas en Oia que beneficiaron a Viladesuso, Santa María, Piniño, A Granxa, Gandarelas, As Amadas, Laxes de Arriba, Mavia e Loureza

Oia, 7 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de rematar a mellora de pistas interiores na parroquia de Mougás, no Concello de Oia, cun investimento de 52.000 euros que estivo cofinanciado ao abeiro da orde de axudas para a modernización de infraestruturas de uso público.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisou esta actuación, que consistíu no acondicionamento de dúas vías desta parroquia, o Camiño do Cabezo e a vía de Fabas, cunha achega de 39.500 euros do executivo autonómico.

A obra centrouse no acondicionamento xeral das plataformas e na reposición do firme para corrixir o seu deterioro motivado polo paso tempo, as cargas de tráfico e os efectos da climatoloxía. En total, remodeláronse algo máis de 4.500 m² de superficie nestes dous viais.

“O Concello de Oia conta cunha ampla rede viaria e ademais ten unhas características residenciais e de servizos nas que prima a dispersión, polo que é necesario ter as pistas en boas condicións para favorecer a mobilidade e a vida socioeconómica da súa veciñanza. Deste xeito, a Xunta sempre vai colaborar co desenvolvemento e as necesidades do municipio para favorecer o seu progreso”, explicou o representante autonómico.

Neste senso, Luis López lembrou que o Goberno galego investíu, nos últimos catro anos, preto de 450.000 euros no Concello de Oia ao abeiro de distintas ordes vencelladas ás infraestruturas, ben de uso público, de ámbito rural ou referentes a humanizacións.

Con estas achegas, melloráronse vías en Viladesuso, Mougás, Santa María, Mavía, Oia, Piniño, A Granxa, Gandarelas, As Amadas, Laxes de Arriba e Loureza e incluso remodeláronse os vestiarios do campo de fútbol das Tornas.

Imaxes relacionadas