A Xunta dota dun novo videomarcador de última xeración ao pavillón municipal Coto Ferreiro da Estrada

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, José López, supervisan a instalación desta nova pantalla Led, que supuxo un investimento de 24.000 € grazas a un convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello

O videomarcador ten unha superficie duns 10 m² e conta con programas para o seu uso multimedia e deportivo, consola para manexo e bocinas de aviso e cumpre cos requisitos das distintas federacións
 

A Estrada, 7 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de dotar dun novo videomarcador de última xeración ao pavillón municipal Manuel Coto Ferreiro da Estrada para favorecer o seguimento, control e sinalización das distintas prácticas e encontros deportivos nesta instalación.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde estradense, José López, acompañados polo responsable provincial de Deportes, Daniel Benavides, supervisaron a instalación desta nova pantalla Led, que supuxo un investimento de 24.000 euros a través dun convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte, que asumíu o 80% do custo, e o Concello da Estrada.

O videomarcador ten unha superficie duns 10 m², que permite que sexa visible dende todo o gradarío, cunhas medidas de 4 por 2,5 metros e 8 centímetros de groso.

Ademais, está dotado de ordenador de control con software para uso deportivo e multimedia, programación multideporte para marcador electrónico adaptado aos requisitos das distintas federacións, consola para manexo, marcadores de posesión e bocinas de aviso.

“Seguimos a cumprir co deporte da Estrada, que é un dos concellos de referencia nesta materia, tanto a nivel de clubes como de organización de eventos, polo que, dende a Xunta, seguimos mellorando e modernizando as súas instalacións ao tempo que colaboramos cos distintos equipos coas axudas autonómicas, coas que reportamos 76.000 euros na derradeira convocatoria”, detallou o representante autonómico, que lembrou que a orde deste ano ten aberto o prazo ata a xornada de hoxe.
En concreto, na Estrada outorgáronse axudas, na convocatoria de 2021 ao abeiro das modalidades ordinaria, covid-19, reactivación e equipamentos, a 18 clubes: A Estrada Futsal, Club Bádminton A Estrada, Escola Estrada de Fútbol Base, CD Estradense, Atletismo A Estrada, Club Ciclista Estradense, UD A Estrada FS, Club Patín, Recreo Cultural, ADC Guimarei, Irmandinhos, Xadrez AC A Estrada, Clube Natación e Salvamento A Estrada, Ximnasia A Estrada, San Paio, Veteranos Berres, Sport Team Estrada e Club Judo Base.
 

Imaxes relacionadas