A Xunta inicia a fase de concurso para oito procesos selectivos nos que se convocaron máis de 700 prazas de emprego público

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións pola que se fai público o procedemento para a acreditación de méritos

Entre estes procesos destacan o de auxiliar de enfermería, subalternos ou educadores

O número de aspirantes a baremar ascende a preto de 2.000

O prazo de presentación de méritos remata o vindeiro 21 de febreiro
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

A Xunta vén de iniciar a fase de concurso para oito procesos selectivos nos que se convocaron un total de 726 prazas de emprego público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións polas que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos dos participantes. En total, a Dirección Xeral da Función Pública baremará a 1.978 aspirantes.

Os procesos selectivos de persoal funcionario nos que se inicia a fase de concurso son o grupo A1 de Biólogos (31 prazas), o grupo A2 de Educadores (86 prazas), o grupo A2 de Enfermería (69 prazas), o grupo C2 de Auxiliar de enfermería (305 prazas) e a Agrupación Profesional de persoal subalterno (205 prazas). En canto ao persoal laboral, iníciase a fase de concurso para o grupo II Titulado grao medio (21 prazas), grupo III Administrativo (6 prazas) e o V de ordenanzas (3 prazas).

Os aspirantes dispoñen dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no DOG para a presentación dos seus méritos. O prazo de presentación remata o vindeiro luns, 21 de febreiro.

Remate da fase de concurso

Por outra banda, a Dirección Xeral da Función Pública puxo fin ao prazo de presentación de méritos para outros 10 procesos selectivos nos que se convocaron 443 prazas e se baremaron a máis de 900 aspirantes.

Estes procesos son o grupo A1 de Medicina, o A2 de Traballo social, o A2 de Terapia ocupacional, o A2 de Fisioterapia, e o grupo C1 do Corpo Administrativo e C2 do Corpo Auxiliar, ambos os dous de promoción interna. En canto ao persoal laboral, pechouse a fase de concurso para o grupo I de Médicos, o grupo I de Psicólogos, o grupo II de Asistente social e o grupo II de Terapia ocupacional.