A Xunta asegura o funcionamento dos grupos de investigación científica universitaria máis competitivos cunha liña de axudas dotada con 23 M€

O período de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de marzo

O Goberno galego leva mobilizado preto de 200M€ para estes grupos, o que garante que haxa 281 equipos científicos activos nestes momentos, o máximo histórico acadado ata o de agora

Co fin de contribuír a reducir o desequilibro de xénero no eido da investigación, mantense o criterio de ter en consideración as propostas lideradas por mulleres
 

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas para financiar o funcionamento dos grupos de investigación científica universitaria máis competitivos do sistema de I+D+i, cunha dotación económica de preto de 23M€ para o período 2022-2026.

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, coa que se vai seguir dotando o sistema investigador de estabilidade e impulsando a súa excelencia.

A convocatoria -cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o día 2 de marzo- vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións galegas de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia.

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación universitaria que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.

Con cargo a esta liña de axudas, o Goberno galego leva mobilizado preto de 200 millóns de euros para estas entidades grupais, o que garante que a día de hoxe haxa 281 grupos cunha actividade investigadora constante, o máximo histórico acadado ata o de agora.

Liderado de mulleres

Ao igual que o ano pasado, a convocatoria inclúe o apoio a Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), a Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B) e a Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C). Ademais, mantense o criterio de ter en consideración o liderado e a importancia e o papel desempeñado polas mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.

As axudas das tres modalidades poderán destinarse ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións informáticas, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas; e formación do persoal do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda, así como a viaxes e axudas de custo de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda.

Tamén serán conceptos subvencionables a contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultaría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.

 

Imaxes relacionadas