A Xunta estuda a viabilidade de crear unha nova unidade de atención temperá na comarca do Salnés

A bisbarra conta actualmente cun centro que presta servizo a 150 nenos de entre 0 e 6 anos para detectar posibles trastornos

A elevada demanda deste recurso leva á Consellería de Política Social a analizar diferentes opcións para amplialo

O Goberno galego incrementará este ano o investimento neste servizo nun 82% para alcanzar as 50 unidades repartidas por toda a Comunidad

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia está a estudar a viabilidade da creación dunha segunda unidade de atención temperá na comarca do Salnés. O centro que actualmente presta servizo nesta bisbarra pontevedresa, situado no concello de Vilagarcía de Arousa, atende a preto de 150 nenos de entre 0 e 6 anos para detectar e previr posibles trastornos.

A elevada demanda que ten este recurso levou, sen embargo, á Consellería de Política Social, a analizar as diferentes posibilidades que permitan ampliar este servizo para chegar a todas as familias que o precisen, e que nestes momentos se atopan na lista de espera do centro vilagarcián. Actualmente os concellos que poden solicitar atención na unidade de atención temperá do Salnés son A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Cambados, Meaño, Meis, Sanxenxo e O Grove.

A Consellería de Política Social vai practicamente a duplicar en 2022 o investimento para a creación de novas unidades de atención temperá e o mantemento das existentes, ata alcanzar os 50 centros repartidos por toda Galicia. O orzamento que a Xunta de Galicia vai destinar a este fin pasará, así, dos máis de 3,4 millóns de 2021 a máis de 6,2 este ano, realizando un incremento de case o 82%.

Multiplicada por dez

O servizo de atención temperá xa multiplicara por dez a súa extensión en Galicia desde a súa posta en marcha, en 2009, ata hoxe. Así, no ano 2009 había en funcionamento tan só dúas unidades de atención temperá en Galicia, que cubrían 14 concellos e atendían a 160 nenos. Na actualidade existen 39 unidades en funcionamento que abarcan 168 concellos e atenden a 1.740 nenas e nenos, o que significa que hai 20 veces máis unidades, 10 veces máis nenos atendidos e un nivel de cobertura que supera a metade do territorio galego.