Preto de un milleiro de empregados públicos con discapacidade traballan na Administración Xeral da Xunta

Deles, un total de 612 son mulleres

O Goberno galego ofreceu preto de 400 prazas para persoas con discapacidade nas Ofertas de Emprego Público de 2020 e 2021
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022

Un total de 979 empregados públicos con discapacidade traballan actualmente no ámbito da Administración Xeral da Xunta de Galicia. Deles, 612 son mulleres e 367 homes.

A inserción laboral de persoas con discapacidade constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social, polo que é necesario adoptar as medidas necesarias para aumentar as súas posibilidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación. As administracións públicas deben promover e desenvolver iniciativas que axuden a alcanzar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade.

Neste marco, o Goberno galego ofreceu preto de 400 prazas para persoas con discapacidade nas Ofertas de Emprego Público do ano 2020 e do 2021 nunha clara aposta da Xunta pola inclusión laboral das persoas con discapacidade, o que lles permite demostrar toda a súa valía e ademais adquirir habilidades e coñecementos.

Discapacidade intelectual

O Executivo autonómico tamén realizou no ano 2017 e 2019 as primeiras oposicións da historia da Xunta reservadas exclusivamente para persoas con discapacidade intelectual.

Ademais, puxo en marcha por primeira vez en 2018, unha bolsa de emprego temporal reservada para persoas con discapacidade intelectual. As persoas apuntadas nesta lista poden traballar nas consellerías da Administración galega con contratos temporais, en postos de traballo especificamente adaptados a persoas con discapacidade intelectual.
 

Imaxes relacionadas