A Xunta ofrece aos titores e colaboradores docentes de atención primaria un programa formativo xunto coa Semfyc

Trátase dunha ferramenta de formación continua deseñada pola Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (semFYC), elaborada por médicos de familia de toda España cunha orientación práctica e rigorosa

Dispón dun sistema de avaliación periódica dos coñecementos adquiridos que posibilitarán a adquisición dos créditos correspondentes

Esta iniciativa continúa na liña marcada polo Executivo galego para reforzar o papel dos titores, tal e como está a facer coa elaboración do primeiro Decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada en Galicia
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, ofrece aos titores e aos colaboradores docentes de Atención Primaria a suscrpición no programa de Formación AMF "Actualización en Medicina de Familia". Trátase dunha ferramenta de formación continua deseñada pola Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (semFYC), elaborada por médicos de familia de todo o país e cunha orientación eminentemente práctica.

A semFYC é a federación que agrupa ás 17 sociedades de Medicina de Familia e comunitaria que existen en España e reúnen arredor de 20.000 especialistas en Medicina de Familia. Galicia está representada pola Asociación Galega de Medicina familiar e Comunitaria AGAMFEC.

Destaca, neste programa o recoñecemento ao labor do titor, con diferentes seccións dirixidas á mellorar o seu do perfil clínico, docente e investigador, así como a metodoloxía docente. Os contidos utilízanse para a formación de residentes, e para realización de sesións clínicas no centro de saúde. Servirá tamén para capacitar aos especialistas en medicina familiar e comunitaria nas habilidades necesarias para a abordaxe das patoloxías e síndromes máis habituais actualizando os seus coñecementos e incorporando as últimas evidencias dispoñibles e ofrecendo, desta forma, unha posta ao día de calidade.

O programa AMF é unha publicación en formato electrónico aparición periódica, con nove números anuais con diversas seccións e 2 monográficos nos que se revisarán áreas de coñecemento concreto. Focalizarase no desenvolvemento de competencias do médico de familia na parte asistencial ou clínica. Dispón, ademais, dun sistema de avaliación periódica dos coñecementos adquiridos que posibilitarán a adquisición dos créditos correspondentes.

Aposta pola formación sanitaria

Coa oferta deste programa, o Executivo galego continúa traballando para reforzar o papel dos titores, tal e como está a facer coa elaboración do primeiro Decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada en Galicia, logo de que o Consello da Xunta autorizase o pasado mes de outubro a tramitación do seu anteproxecto. Será un texto normativo que conta cun triplo obxectivo: regular e harmonizar o labor docente na formación dos especialistas médicos e residentes; optimizar a calidade no proceso de formación especializada, e incrementar o número de facultativos na sanidade galega

Cómpre tamén lembrar, que dende a Xunta, lévase tempo propoñendo solucións para resolver a falta de profesionais en atención primaria. Solucións, entre outras que pasan pola acreditación de 64 novas prazas de docencia MIR en atención primaria en Galicia; a convocatoria extraordinaria de máis prazas MIR de medicina familiar e comunitaria en toda España; e un conxunto de medidas a medio prazo para reformar tanto o sistema de acreditación de prazas docentes, como o programa formativo da especialidade de medicina familiar e comunitaria.
 

Imaxes relacionadas