A Xunta executa traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada LU-633 en Gonzar, no concello de Portomarín, no treito coincidente co Camiño Francés

A Consellería de Infraestruturas está a traballar na instalación dunha varanda que separa a senda existente da vía autonómica, no punto quilométrico 70+790

Tamén se mellorará o firme, se pintarán bandas transversais de alerta nos dous sentidos da circulación e se colocarán balizas nas beiravías, preto do cruce

Os traballos súmanse aos realizados desde xullo en distintos tramos desta e doutras estradas autonómicas para favorecer o tránsito seguro dos peregrinos

As intervencións programadas en Lugo recollen actuacións en 16 municipios polos que transcorren os Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo

Os traballos inclúense nas 70 actuacións que a Xunta executa nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños, cun investimento de 1,4 M€
 

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022

A Xunta está a realizar traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada LU-633 ao seu paso por Gonzar, no concello de Portomarín, no treito coincidente co Camiño Francés, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar na instalación dunha varanda que separa a senda existente da vía autonómica, no punto quilométrico 70+790.

O obxectivo é reforzar a seguridade no cruce do Camiño Francés coa estrada LU-633, mediante a colocación dunha varanda peonil.

Tamén se mellorará o firme neste treito, pintaranse bandas transversais de alerta nos dous sentidos de circulación e disporanse balizas nas beiravías, preto do cruce e no centro da vía para minorar a velocidade dos vehículos.

Estas obras súmanse ás intervencións que se están a desenvolver desde o pasado mes de xullo nas vías autonómicas coincidentes coas distintas rutas do Camiño de Santiago, co obxectivo último de protexer os peregrinos, que son usuarios vulnerables das estradas.

Intervencións en 16 municipios

Na provincia de Lugo inclúense actuacións en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. En concreto, no Francés execútanse traballos na propia LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, onde se realizarán en total 13 actuacións.
No Camiño Primitivo fixáronse 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.

No Camiño de Inverno programáronse actuacións nun total de seis puntos da LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada. Tamén se recollen melloras na traza do Camiño Norte que coincide coas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
Estes traballos están incluídos nas 70 actuacións que a Xunta executa nas vías autonómicas de toda Galicia para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.
O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.
 

Imaxes relacionadas