A directora xeral de Patrimonio Natural, o alcalde da Illa, o patrón maior da confraría de pescadores, técnicos e outros responsables da Consellería mantiveron hoxe unha primeira reunión para abordar este asunto

A Xunta e o concello da Illa de Arousa traballarán xuntos nunha regulación que garanta a protección dos recursos naturais do Areoso e os seus usos públicos

Goberno local e pescadores comprométense a remitir á Consellería as súas achegas sobre os principais aspectos a resolver, alternativas e posibles solucións co obxectivo de que este mesmo verán se poida empezar a aplicar o novo plan de xestión do illote

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello da Illa de Arousa traballarán xuntos para impulsar unha regulación de usos no illote Areoso que garanta nos meses de verán o equilibrio entre a protección dos seus valores naturais e o desenvolvemento de determinadas actividades e usos públicos na zona.

Así o acordaron esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, no transcurso dunha reunión na que tamén participaron o patrón maior da confraría de pescadores do municipio, Juan José Rial, a edil de Medio Ambiente, así como técnicos e outros responsables da Consellería na provincia de Pontevedra.

A xuntanza foi convocada pola Xunta para abordar a situación actual deste espazo, un pequeno illote integrado na Zona de Especial Conservación Complexo Ons-O Grove —e por tanto, en Rede Natura— que durante os meses de verán recibe unha importante afluencia de visitantes, en aumento nos últimos anos.

Co fin de establecer unha regulación axeitada que garanta na tempada estival a protección dos recursos naturais do illote e a súa convivencia cos usos tradicionais presentes na zona e o seu máis recente aproveitamento turístico, a directora xeral sinalou que a Xunta traballa xa nun plan de xestión para Areoso, figura prevista na Lei de patrimonio natural de Galicia para este tipo de espazos.

Como base para a redacción do novo instrumento regulador, explicou que se tomarán os traballos realizados xa pola Consellería nos anos 2019 e 2020 e que quedaron temporalmente en suspenso pola crise da covid-19.

Neste sentido e unha vez que a actividade turística na zona volveu recuperar certa intensidade no verán, todos os asistentes á reunión coincidiron na necesidade de tomar medidas que garantan a convivencia dos posibles usos turísticos e recreativos do Areoso, ao que os visitantes acceden por mar en diferentes medios de transporte, coa importante actividade pesqueira e marisqueira que acolle a súa contorna.

A tal fin, tanto o alcalde da Illa de Arousa como o representante do pósito local comprometéronse a remitir á Consellería as súas achegas sobre os principais aspectos a resolver, as alternativas que propoñen e mesmo posibles solucións coas que enriquecer o contido do futuro plan de xestión de Areoso, que segundo o obxectivo asumido hoxe polas tres partes —Xunta, Goberno municipal e confraría— debería estar listo nos vindeiros meses para poder poñelo en práctica este mesmo verán.

Por último, a directora xeral agradeceu a todos os asistentes a vontade de colaboración amosada e subliñou que o obxectivo común é impulsar a mellor regulación posible para un espazo natural que, máis aló do seu crecente interese turístico, alberga notables valores e recursos naturais que espertan tamén un notable interese desde o punto de científico. “Temos a responsabilidade de preservar e protexer esa riqueza”, asegurou.

 

Imaxes relacionadas