O presidente da Xunta visitou hoxe a empresa de madeira contralaminada Xilonor, en Coirós

Feijóo avanza a Axenda de impulso da industria forestal 2022-2024 que mobilizará preto de 140 millóns co obxectivo de modernizar este motor da economía rural

Resalta que esta estratexia contará con catro eixes de actuación: para impulsar a formación dos traballadores; mellorar o ecosistema de innovación; favorecer a competitividade, promoción e diversificación; e fomentar a cooperación entre sectores

Refírese á madeira como un dos elementos clave da transición verde, como materia prima renovable e biodegradable

Recorda que a Comunidade conta tamén con outros proxectos tractores no forestal, que forman parte da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation

Coirós (A Coruña), 4 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a nova Axenda de impulso da industria forestal-madeira 2022-2024, que mobilizará preto de 140 millóns de euros para modernizar este motor da economía rural e chegar a 700 empresas beneficiarias.

Durante unha visita ás instalacións da empresa de madeira contralaminada Xilonor, en Coirós, Feijóo referiuse á madeira como un dos elementos clave da transición verde, non só porque se trata dunha materia prima renovable e biodegradable senón porque está a gañar novos usos.

Sobre este punto, recordou que para o 2040 o sector téxtil a nivel mundial pretende que as fibras de madeira supoñan xa o 30% da súa materia prima. “E na construción, cada vez se aposta máis por edificios máis sostibles empregando a madeira e os novos materiais derivados coma o CLT, que fabrica Xilonor”, engadiu, recordando que Galicia é, con 3.000 empresas, a novena potencia forestal europea.

Ante estes datos, o titular do Goberno galego precisou que esta estratexia contará con catro eixes de actuación para impulsar a formación dos traballadores, de xeito que conten coas habilidades necesarias para desenvolver unhas tarefas cada vez máis complexas e variadas; mellorar o ecosistema de innovación no sector; favorecer a competitividade, promoción e diversificación; e impulsar a cooperación entre sectores, así como a percepción social desta industria, fomentando vocacións entre as novas xeracións.

Para acadar estes obxectivos, Feijóo recordou que o sector conta coa experiencia da axenda anterior que logrou que, en 2021, Galicia chegase aos 9,9 millóns de metros cúbicos de corta de madeira industrial e aos 2.500 millóns de euros de facturación. Ademais de aumentar as construcións en madeira e de novos produtos de biomasa para uso industrial.

Feijóo concluíu recordando que a Comunidade conta tamén con outros proxectos tractores no forestal, que forman parte da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, como a iniciativa para a xestión sostible dos bosques que, cun investimento de 1.200 millóns de euros, ten como fin mellorar a xestión do monte e dar solución á reciclaxe de residuos na industria da moda.

Así mesmo, o proxecto Tech Madeira que, cun investimento de preto de 40 millóns, aspira á creación dunha planta piloto de novos materiais sostibles derivados da madeira con aplicación na industria téxtil, automoción, naval, etc; ao desenvolvemento de programas de ecodeseño e ecoinnovación para mitigar a emisión dos gases de efecto invernadoiro; á dixitalización da industria forestal; e á promoción da construción con madeira local.

Imaxes relacionadas