A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a delegada territorial da Xunta informaron esta mañá dos resultados da tramitación realizada nos últimos meses

A Xunta remite ao Concello de Vigo todos os informes recadados tras a aprobación inicial do PXOM

Un total de 17 organismos autonómicos, provinciais e locais responderon ao requirimento da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dentro dos tres meses que lles dá a Lei do solo para pronunciarse sobre o plan xeral

Ángeles Vázquez subliña que o Goberno galego volve demostrar o seu compromiso coa cidade ao cumprir “en tempo e forma” coa parte que lle compete na tramitación para que os vigueses poidan ter un novo instrumento urbanístico o antes posible

Vigo, 4 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia acaba de remitir ao Concello de Vigo todos os informes recadados ata o de agora por parte dos organismos autonómicos, provinciais e locais que foron consultados con relación ao PXOM aprobado inicialmente.

Un total de 17 entidades responderon, dentro dos tres meses que marca a Lei do solo, ao requirimento da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU), órgano competente na materia e ao que, por tanto, lle corresponde realizar as consultas previstas no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, dar audiencia aos municipios limítrofes e recadar os informes sectoriais autonómicos preceptivos sobre o plan para poder seguir coa tramitación tras a súa aprobación inicial en pleno.

Así o explicaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, que compareceron para informar de que esta mesma mañá o departamento autonómico de urbanismo remitira ao Concello o expediente completo no que se recolle o resultado das consultas realizadas no exercicio das súas competencias.

En concreto, a Xunta enviou os informes emitidos polas direccións xerais de Patrimonio Natural; Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático; Desenvolvemento Rural; Planificación e Ordenación Forestal; Defensa do Monte; Planificación Enerxética e Recursos Naturais; Patrimonio Cultural; Mobilidade; e Emerxencias e Interior; así como pola Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

Tamén remitiu os ditames correspondentes ao Instituto de Estudos do Territorio; á Axencia Galega de Infraestruturas; a Portos de Galicia; e ao Consello Autonómico de Accesibilidade; así como as consideracións ao PXOM achegadas polos concellos de Gondomar e Mos e pola Deputación Provincial de Pontevedra.

O único dos informes autonómicos pendente é o de Augas de Galicia, que enviou un requirimento ao Concello de Vigo no que lle solicitaba documentación adicional necesaria sobre aspectos relativos á rede fluvial, ás zonas protexidas, ás zonas inundables ou ao abastecemento. O organismo de conca está agora á espera de que o Concello lle responda.

Compromiso coa cidade

Tras eloxiar o “exhaustivo traballo realizado” polos distintos departamentos consultados sobre o contido do PXOM tras a súa aprobación inicial, Ángeles Vázquez salientou, ademais, que a Xunta cumprira “en tempo e forma” coa función que lle outorga a Lei do solo na tramitación dos instrumentos de ordenación urbanística.

Así, considerou que a axilidade do Goberno galego na tramitación autonómica do PXOM é unha mostra máis do seu compromiso coa cidade olívica e coa necesidade de que teña un novo instrumento urbanístico “canto antes”. “Hai 112 concellos que xa teñen un plan xeral e queremos que Vigo sexa un deles; e temos un millón de galegos que xa viven nun territorio cunha ordenación e queremos que sexan 300.000 persoas máis”, declarou.

Neste sentido, a conselleira incidiu en que desde a sentenza que anulou no ano 2015 o plan xeral vigués, a Xunta actuou “coa máxima celeridade, rigor e responsabilidade” cada vez que lle tocou marcar os tempos no proceso de revisión do PXOM e dixo que manterá esa actitude para avanzar cara o seguinte fito: a aprobación provisional do documento.

Non obstante, lembrou que é evidente que quedan cuestións por mellorar no documento aprobado inicialmente, eivas que o Concello e o equipo redactor están a tempo de emendar ou corrixir á vista dos informes sectoriais remitidos hoxe, dos cales, sinalou, catro son desfavorables e a maioría dos restantes poñen “condicións” relacionadas con diferentes aspectos. “Os informes sectoriais e a documentación requirida son necesarios para garantir que o documento cumpra con todas as expectativas”, dixo.

Pola súa parte, a delegada territorial da Xunta contrapuxo as “medidas sempre áxiles e eficaces” do Goberno galego en todo o relativo á tramitación do planeamento urbanístico, coa actitude e os ritmos do Concello. Por iso, tras pedirlle ao executivo municipal a mesma implicación que recibe da Xunta, sinalou que “é momento de ter altura de miras e remar todos xuntos”. “E para evitar volver á situación que vivimos no ano 2015 é necesario que se corrixa a planificación”, engadiu.

Imaxes relacionadas