A Xunta cedeu o ano pasado a Portugal, Asturias, Cantabria e País Vasco preto de 30.000 parasitoides para facer fronte ao psílido africano dos cítricos

Criados nun viveiro situado na localidade ourensá de Maceda, os insectos da especie Tamarixia dryi acadaron unha dispersión de máis de 4 km dende os puntos de solta, logrando un parasitismo sobre esta psila superior ao 70%

Segundo dixo o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias na comisión 7ª do Parlamento, constátase así a boa evolución da loita biolóxica contra a Trioza erytreae, que supuxo un investimento duns 1,8 millóns de euros desde 2016
 

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, afirmou hoxe na comisión 7ª do Parlamento galego que a loita biolóxica contra o psílido africano dos cítricos (Trioza erytreae) evoluciona de xeito favorable, logrando co parasitoide Tamarixia dryi unha dispersión de máis de 4 km dende os puntos de solta e un parasitismo sobre este tipo de psila superior ao 70%. Así o dixo ao tempo que destacou que a Xunta está a contribuír á erradicación deste organismo de corentena máis aló da nosa comunidade, tendo cedido preto de 30.000 parasitos a Portugal, Asturias, Cantabria e País Vasco o ano pasado.

Nesa liña, José Balseiros sinalou que Galicia está liderando a loita biolóxica mediante a Tamarixia dryi ao criar este insecto eficaz contra o psílido africano nun viveiro situado na localidade ourensá de Maceda. Unha cría -dixo- con vontade de continuidade que arrancou en 2019, tras as primeiras soltas efectuadas nos concellos pontevedreses do Rosal, O Grove e Portas, neste caso con parasitos procedentes do Instituto Canario de Investigacións Agrarias (ICIA). En 2020 repetiuse a experiencia xa con máis de 14.000 parasitoides criados integramente en Maceda, tanto en Galicia como en Portugal, país ao que se entregaron case 9.000 insectos.

Tras realizar novas soltas en 2021 nos lugares con afectación na comunidade, a maiores dos parasitos entregados tamén ás rexións veciñas (Portugal -máis de 12.000-, Asturias -máis de 11.000-, Cantabria -máis de 4.000- e País Vasco -máis dun milleiro-), o obxectivo da Xunta neste exercicio é duplicar o número de exemplares de Tamarixia dryi que se ceiben contra o psílido africano dos cítricos, tanto en Galicia como nos territorios próximos, para poder eliminalo a medio prazo. Nesa dirección, o director xeral aseverou que se continuará aplicando o plan de erradicación e intensificando a produción do parasitoide desta psila, unhas accións que -xunto cos tratamentos fitosanitarios- supuxeron desde 2016 un investimento duns 1,8 millóns de euros por parte do Goberno galego. Neste importe inclúense os 415.000 euros presupostados para este ano, o maior orzamento da serie histórica.

Para concluír, José Balseiros referiuse á nosa comunidade como líder tanto en sanidade vexetal como na animal, destacando -neste segundo caso- que Galicia foi declarada rexión libre de tuberculose bovina e tamén de brucelose bovina, ovina e cabrúa.

Na comisión 7ª tamén compareceu o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, que afirmou que o Consello Forestal de Galicia -na súa última reunión mantida o pasado mes de xaneiro- comezou a abordar a revisión da lexislación sobre montes veciñais en man común, en liña cos obxectivos marcados no Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Na súa intervención, Chan defendeu a autonomía destas comunidades de montes para a xestión dos terreos que comprenden, segundo o establecido no marco legal vixente.