O DOG publica o Plan de Formación Continua para o persoal do Sergas, elaborado de xeito participativo polos profesionais a través de enquisas

Trátase dun modelo formativo que encaixa co criterio de compartir o coñecemento xa existente dentro do sistema público de saúde, con 637 profesionais do Sergas que participan como poñentes, titores de teleformación ou programadores docentes das actividades

Focalizarase na mellora de habilidades transversales que afecten, con carácter xeral, a calquera categoría

Entre os cursos que recolle destacan actividades relativas ao manexo do paciente covid crítico, a formación de titores especializados, habilidades de comunicación con doentes e familiares ou a atención de urxencia a pacientes psiquiátricos

O Plan de Formación Continua para o persoal do Sergas contará con 484 actividades, un 26,7% máis que no ano anterior e ten un orzamento de 730.523 euros

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o Plan de Formación Continua para o Persoal do Servizo Galego de Saúde, aprobado polo Consello da Xunta a finais de xaneiro deste ano e que conta cun orzamento de 730.523 euros.
Este Plan foi elaborado de xeito participativo, xa que a elección das actividades que o conforman baseouse na demanda dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, que expuxeron as súas preferencias de formación por medio de enquisas. Trátase, ademais, dun modelo formativo que encaixa co criterio de compartir o coñecemento xa existente dentro do sistema público de saúde, con 637 profesionais do Sergas que participan como poñentes, titores de teleformación ou programadores docentes das actividades.

Outra das características máis significativas do presente Plan é que a formación vaise focalizar na mellora de habilidades transversais que afecten, con carácter xeral a distintas categorías.

Así, entre as actividades que abrangue a programación, e recóllense temas tan variados como a atención aos adolescentes, o manexo do paciente covid crítico, a formación de titores especializados, habilidades de comunicación con doentes e familiares ou a atención de urxencia a pacientes psiquiátricos. Tamén hai actividades formativas relativas á detección da violencia de xénero, autocoidado emocional ou a abordaxe de situacións de emerxencia con doentes con condutas violentas e un largo etcétera ata completar un total de 484 accións formativas, un 26,7% máis que no ano anterior, das que 212 serán impartidas de xeito telemático.

O Plan de Formación Continua está dirixido a todos os profesionais que presten servizos nas institucións do Sergas que, nestes momentos, representan máis de 42.000 profesionais nas distintas categorías. Tamén vai dirixido aos profesionais que estean formándose como especialistas en Ciencias da Saúde (persoal residente en formación), os aspirantes a vinculacións temporais no ámbito das institucións do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como ao persoal pertencente ás entidades adscritas á Consellería de Sanidade e o Sergas, integrado no réxime estatutario.
Os profesionais que superen as actividades en que sexan admitidos terán á súa disposición a certificación correspondente que emitirase en formato dixital e cada persoa poderá descargalas dende o seu perfil de ACIS. Tamén visualizarase no expediente electrónico (expediente-e).

Imaxes relacionadas