O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade inaugurou a xornada de formación do programa ‘Biblioteca Creativa’

Román Rodríguez destaca o papel das bibliotecas escolares galegas, un referente estatal, na redución do abandono educativo á terceira parte

Pon en valor o salto cualitativo destes espazos na última década, converténdose en referentes en España en ámbitos como a atención á diversidade

Cómpre lembrar que Galicia rexistrou en 2021 unha cifra récord de abandono educativo temperá, un 8,1%

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a xornada de formación Biblioteca Creativa 2021/2022, onde destacou o papel das bibliotecas na mellora da calidade educativa e na redución do abandono temperá á terceira parte. Cómpre lembrar que Galicia rexistrou en 2021 unha cifra récord de abandono educativo temperá, un 8,1%, o que supón reducir esta taxa á terceira parte respecto do 25,8 rexistrado en 2009.

Na súa intervención Román Rodríguez puxo de relevancia o “salto cualitativo que deron as nosas bibliotecas escolares na última década, pasando de ser meros lugares de estudo e de intercambio de libros a ser espazos dinámicos de socialización nos que os rapaces se achegan a áreas como a tecnoloxía, a ciencia ou a robótica”. “Ese salto cualitativo –sinalou– fai que as nosas bibliotecas sexan un referente non só para toda Galicia senón a nivel estatal”.

A este respecto, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que a última Estatística do Ministerio de Educación sobre Bibliotecas Escolares confirma que Galicia é a Comunidade cun maior número de bibliotecas escolares en funcionamento. “Ademais, estamos entre as CCAA onde máis se empregan para actividades como o fomento da lectura ou o desenvolvemento do currículo educativo e somos os primeiros de España no que respecta á organización de actividades específicas de atención á diversidade e igualdade de xénero nas nosas bibliotecas”, incidiu o conselleiro.

Fixo fincapé, ademais, en que as bibliotecas escolares “simbolizan e exemplifican o sistema educativo polo que apostamos. Un sistema moderno, adaptado aos tempos e centrado na calidade e a equidade, que busca mellorar e medrar día a día”.

O representante autonómico quixo agradecer aos presentes, responsables de bibliotecas escolares na súa maioría, o seu traballo. “Tedes unha responsabilidade directa nos excelentes resultados educativos que está acadando o ensino galego nos principais indicadores, como o PISA ou a redución do abandono. Estes datos non serían posibles sen o esforzo de toda a comunidade educativa e, por suposto de todos vós, que supoñedes un exemplo de esforzo e entrega”, rematou.

Laboratorio de creación

A xornada Biblioteca Creativa 2021/2022 está destinada a todos os centros integrados neste programa Biblioteca creativa, co obxectivo de afondar en aspectos relacionados coa biblioteca como laboratorio creativo de aprendizaxe, a cultura maker (de deseño e creación) e as posibilidades pedagóxicas do espazo creativo.

Así, ao longo da xornada abordaranse cuestións como o uso dos escornabots, pequenos robots cos que o alumnado pode aprender de forma sinxela a linguaxe de programación, a alfabetización informacional baseada no xogo ou a impresión 3D. Ademais, diferentes centros educativos presentarán as súas experiencias traballando neste programa.

Este curso incorporáronse ao programa Biblioteca Creativa, de estímulo da investigación nestes espazos, 25 novos centros e renovouse a participación dun cento de colexios de toda Galicia, todos eles integrados tamén no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

A actividade enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) para o período 2021-2025, a folla de ruta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para converter estes espazos en centros creativos de aprendizaxe nos que, ademais de fomentar a lectura, se fortalece a alfabetización informacional do alumnado e se promova o uso das novas tecnoloxías como ferramenta interdisciplinar de aprendizaxe.

No caso concreto de Biblioteca Creativa, o programa supón a dotación, dentro da biblioteca escolar, dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados. A través del estimularase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de diferentes actividades. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

Imaxes relacionadas