Un total de 173 clubs da cidade de Vigo recibiron máis de 1,5 millóns de euros en 2021 grazas as axudas da Secretaría Xeral para o Deporte

En todas as liñas de axudas, o deporte vigués contou cun peso importante que representa aproximadamente o 12% dos 13,7 millóns de euros postos a disposición de todos clubs deportivos galegos ao longo de 2021 pola Xunta

Vigo, 3 de febreiro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, mantiveron no serán de hoxe unha xuntanza con algúns dos representantes dos 173 equipos da cidade de Vigo que obtiveron axudas da Secretaría Xeral para o Deporte en 2021. En total, os clubs da cidade olívica recibiron máis de 1,5 millóns de euros (1.505.668,50 euros) das principais liñas de axudas postas a disposición das entidades deportivas no ano 2021. Cómpre salientar que 2021 foi un ano extraordinario pola situación da pandemia e polos Fondos de Consenso, aprobados polo Parlamento, que contribuíron á recuperación económica e social de Galicia tras a crise. No ámbito deportivo destínanse a axudas para compensar as perdas pola caída de ingresos derivados da redución de abonados e público, así como destinadas a afrontar as cotas federativas.

En resumidas contas, estas ordes a nivel autonómico foron: as subvencións para o desenvolvemento de actividades deportivas (1,92 millóns de euros en 1.223 axudas), para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19 (2 millóns de euros en 832 axudas), as axudas directas para a reactivación da actividade deportiva (4 millóns de euros en 1.279 axudas), as subvencións para equipamentos (2,6 millóns de euros en 656 axudas) e o Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia (3,15 millóns de euros para equipos). En todas elas, o deporte vigués contou cun peso importante que representa aproximadamente o 12% dos 13,7 millóns de euros postos a disposición de todos clubs deportivos galegos ao longo de 2021 pola Xunta.

O mandatario galego destacou que a Xunta seguirá “agradecendo e apoiando o traballo incansable dos clubs deportivos galegos, especialmente nuns tempos tan complicados e nos que amosaron unha capacidade de adaptación soberbia adestrando e competindo sempre co estrito cumprimento de todos os protocolos nos que tamén traballaron”.

Neste sentido, Lete Lasa lembrou que o vindeiro luns 7 de febreiro, remata o prazo para a presentación das solicitudes ás novas axudas para o ano 2022 que xa están en marcha: as subvencións para o desenvolvemento de actividades deportivas (2 millóns de euros) e as subvencións para a adquisición de equipamento deportivo (700.000 euros). Ademais, tamén apuntou que o novo Plan de Patrocinio para os Equipos de Alta Competición de Galicia contará, na tempada 2021-2022, co maior orzamento da súa historia, chegando aos 3,5 millóns de euros grazas á colaboración de Turismo de Galicia, Xacobeo e ABANCA.

Pola súa banda a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias destacou o potencial do deporte olívico, concentrado nestes 173 equipos que tantas ledicias acadan ano tras ano para os vigueses e que deixan o gran exemplo dunha vida activa e saudable. Do mesmo xeito garantiu que a Xunta de Galicia seguirá acompañando ao deporte vigués no seu camiño.

Imaxes relacionadas