O Sergas realizou máis de 25.000 intervencións cirúrxicas vencelladas a patoloxías oncolóxicas durante a pandemia

O Sergas incrementou durante o ano 2021 a actividade cirúrxica de tipo oncolóxico nun 11,8%, ata acadar as 13.578 intervencións

Con motivo do Día mundial contra o cancro, que se celebra mañá, a Consellería de Sanidade lembra da importancia da prevención na loita contra unha enfermidade que representa xa a principal causa de morte en todo o mundo

Un total de 26 pacientes galegos recibiron tratamentos CAR-T, seis deles na nosa comunidade

Desde a posta en marcha dos programas de cribado poboacionais da Consellería de Sanidade conseguíronse detectar precozmente máis de 12.000 casos de cancro

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

O Servizo Galego de Saúde realizou un total de 25.714 intervencións cirúrxicas vencelladas con patoloxías oncolóxicas, durante estes dous anos de pandemia.

En concreto, durante o ano 2020, a rede sanitaria pública galega levou a cabo un total de 12.136 operacións oncolóxicas, unha cifra que, durante o ano 2021, se incrementou nun 11’8% ata acadar as 13.578 intervencións cirúrxicas. Estas cifras, semellantes ás do período inmediatamente anterior á pandemia, son froito do esforzo asistencial dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, e da decisión atender á totalidade das cirurxías consideradas como prioridade 1.

Nesta liña, cómpre destacar que desde xaneiro do ano 2008, no que entra en vigor a Lei de garantías de tempos máximos, o Servizo Galego de Saúde atendeu a un total de 175.288 pacientes -na súa meirande parte de tipo oncolóxico-, cumprindo os prazos establecidos por esta normativa. Así, durante os últimos catro anos, facilitou o acceso a probas diagnósticas en prazo a 66.321 persoas; o acceso a unha primeira consulta co especialista a 67.413 persoas; e unha intervención cirúrxica en menos de 60 días a 41.554 persoas.

Transcorridos máis de tres anos desde a posta en marcha do Plan Nacional de Terapias Avanzadas, en Galicia solicitáronse 48 tratamentos con terapia CAR-T, dos que finalmente foron autorizados polo grupo de expertos do Sistema Nacional de Salud, un total de 42 solicitudes de pacientes galegos. Deles, recibiron tratamento con CAR-T 26 pacientes, dos que 6, foron tratados en Galicia (4 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e 2 no Complexo Hospitalario Universitarios de Vigo).
Ademais, durante o pasado ano, a Xunta investiu 108 millóns de euros en tratamentos farmacolóxicos para pacientes oncolóxicos, o que supón un incremento do 6,41 %, respecto do ano 2020.

Equipamento para os centos hospitalarios galegos

Dentro das prioridades sanitarias establecidas polo Executivo galego atópase mellorar a atención aos pacientes con cancro, co obxectivo de ofrecer unha mellor resposta aos problemas de saúde dos pacientes, mediante unha atención asistencial máis rápida, adaptándose ás novas tecnoloxías e dotándose de diverso equipamento, como son os aceleradores lineais ou os equipos mamógraficos dixitais.

Neste senso, está a achegar a nova tecnoloxía a todas as área sanitarias, co ánimo de ofrecer unha solución global e integrada que cubra as necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe, intervencionismo, medicina Nuclear e Radioterapia, vencelladas ao cancro.

Desde o ano 2015 o Sergas adquiriu un total de dez aceleradores intraoperatorios para os centros hospitalario galegos, un novo equipamento que contou cun apoio financeiro de 14,5 millóns, por parte da Fundación Amancio Ortega. Ademais, mediante o Programa Inveat, incorporará outros catros aceleradores lineais, que se destinarán ás áreas sanitarias de Pontevedra e Ourense.

O acordo entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Amancio Ortega tamén posibilitou, a adquisición de 16 equipos mamográficos, aos que se engadirán nas vindeiras datas 4 novos equipos para as Áreas sanitarias de Santiago-Barbanza; A Coruña-Cee e Vigo, mediante o financiamento dos Fondos Europeos REACT-UE.
Programas poboacionais para unha detección precoz

Con motivo do Día mundial contra o cancro que se celebra mañá, a Consellería de Sanidade lembra da importancia da prevención e de participar nos cribados poboacionais para loitar contra unha enfermidade que representa xa a principal causa de morte en todo o mundo.

Na comunidade galega, os tumores máis frecuentes son os cancros de tipo colorrectal, o de vexiga, pulmón, mama e o de próstata. Así, durante o período comprendido entre 2016-2020, un total de 81.298 persoas ingresaron nos hospitais da rede sanitaria galega por mor dun tumor maligno.

Dentro da estratexia da Xunta de Galicia para combater esta enfermidade, a Consellería de Sanidade ten en marcha tres programas poboacionais de cribados de cancro, nomeadamente, os programas de detección precoz dos cancros de mama, colorrectal e colo de útero (cérvix).

O primeiro en pórse en marcha foi o Programa galego de detección precoz de cancro de mama en 1992, dirixido a mulleres entre 50 e 69 anos. Desde entón, e ata decembro de 2020, realizáronse un total de 2.841.056 exploracións mamografías, grazas ás que se puideron detectar máis de 10.500 cancros entre 1992 e 2020. Desde a súa implantación, a taxa de participación global entre as mulleres invitadas é dun 79,2%, acadando durante o último ano o 80,8 %.

Así mesmo, o Programa galego de detección precoz de cancro colorrectal comezou a súa andadura en 2013 e, ao igual que o de mama, xa está estendido ao 100% da poboación diana, persoas de 50 a 69 anos, adiantándose en cinco anos a proposta do Ministerio de Sanidade. Segundo o derradeiro informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que abrangue o período que vai dende o inicio do Programa e ata decembro de 2019, realizáronse colonoscopias a 26.647 persoas. Como resultado das mesmas, identificáronse 1.436 cancros invasivos, dos que o 67% estaban en estadios precoces. Ademais destes cancros, tamén se identificaron 4.736 persoas con adenomas de alto risco, 6.572 de risco medio e 5.983 de risco baixo.

No que atinxe ao cancro de cérvix, unha fase preclínica prolongada e a identificación de fases premalignas con posibilidade de tratamento efectivo e sinxelo, confírenlle a posibilidade de instaurar medidas de detección precoz, engadindo ao obxectivo de diminución da mortalidade o de redución da incidencia. En Galicia, este cribado atópase en fase de implantación e deseño da mellor estratexia posible, despois de realizar un proxecto piloto no distrito centro da Área Sanitaria de Lugo durante o pasado ano 2021. Nesta pilotaxe, participaron un total de 3.444 mulleres, detectándose a presenza de infección por VPH-AR no 5,3% das mostras. Durante o presente ano, o programa continuará co seu progresivo despregue pola comunidade galega, estendéndose ao resto da área sanitaria de Lugo, así como as de Ferrol e Pontevedra.

Arestora, existe evidencia científica de que, arredor dun terzo dos casos de cancro, poden evitarse reducindo os factores de risco que son modificables, é dicir, a alimentación, o exercicio físico, o sedentarismo, o consumo de alcohol, o tabaquismo e a exposición ao fume ambiental e as infeccións polo virus do papiloma humano e polos virus da Hepatite B e C. Por este motivo, a Consellería de Sanidade, destaca a importancia de levar un estilo de vida activo e saudable para previr o cancro.

Imaxes relacionadas