O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta maña nesta actividade, centrada na valoración xeriátrica e enmarcada no Plan de Formación Continuada da Xunta

Política Social avanza no novo modelo de coidados coa posta en marcha da III Xornada de formación para persoal de residencias sociosanitarias

Esta sesión ponse en marcha no marco da formación continuada dos centros residenciais, un dos catro piares que compón o novo modelo sociosanitario no que Galicia está traballando

A Coruña, 3 de febreiro de 2022

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe na III Xornada de formación para persoal de residencias sociosanitarias que se celebrou no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. A sesión desta tarde estivo centrada na valoración xeriátrica integral e foi impartida pola especialista en xeriatría da Residencia de Maiores de Oleiros, Luciana Martínez.

Antón Acevedo destacou que esta xornada celébrase no marco da formación continuada dos centros residenciais, un dos catro piares que compón o novo modelo sociosanitario no que Galicia está traballando. Xunta a el, recordou, tamén se está afondando na coordinación sociosanitaria, nas melloras estruturais e no impulso tecnolóxico.

O director xeral lembrou que Política Social pon en marcha esta actividade coa colaboración da Área Sanitaria da Coruña e Cee, a través da Unidade de Coordinación e Apoio Asistencial a Residencias. Esta proposta formativa inclúe accións online en directo que contarán coa certificación correspondente.

Ademais desta sesión celebraranse catro máis nos vindeiros meses. As xornadas formativas estarán centradas na valoración e o manexo da disfaxia, nas estratexias de actuación ante a negatividade aos coidados, nos aspectos claves na atención ás familias e nos coidados básicos do paciente diabético.