Feijóo destaca un investimento de 4,4 millóns de euros para costear o mantemento e a gratuidade das escolas infantís municipais de Galicia

Precisa que, na actualidade, a Xunta está a axudar a 86 concellos a ofrecer a gratuidade nos seus centros

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, en 2021, a Administración autonómica destinou 4,4 millóns de euros para costear o mantemento e a gratuidade das escolas infantís municipais de Galicia.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que na actualidade o Executivo galego está a axudar a 86 concellos a ofrecer a gratuidade para os segundos fillos.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego asegurou que se todos os concellos se adherisen a esta medida, destinaríanse en total preto de 7 millóns de euros para beneficiar a 5.650 nenos. E os únicos requisitos que deben cumprir os concellos que se queiran adherir a este programa, son aplicar os prezos públicos da Xunta de Galicia e estar ao día nas súas débedas co Consorcio Galego de Benestar, tal como establece a lei.

Cómpre salientar que Galicia é a primeira e única comunidade na que a educación infantil xa é totalmente gratuíta para os segundos fillos e seguintes. E a partir do vindeiro setembro esta medida dá un paso máis, e ampliarase para beneficiar a todos os fillos: primeiros, segundos e seguintes, vaian á escola que vaian. "Esta tamén é unha ferramenta para diminuír o fracaso escolar no futuro", abundou Feijóo.

Desta medida beneficiaranse o vindeiro curso, como mínimo, 20.000 familias e habilitaranse máis de 30 millóns de euros para facelo posible.

Imaxes relacionadas