A Xunta aproba os acordos coas universidades para a posta en marcha do Plan Galego de Financiamento Universitario, que este ano contará cun orzamento de máis de 469 M€

Feijóo asevera que se trata do plan máis ambicioso da historia, que mobilizará preto de 3.200 M€ nos vindeiros cinco anos, case un 30% máis

Salienta que Galicia é a terceira Comunidade con maior investimento en porcentaxe de PIB para as universidades co 0,71% mentres que a media de España está no 0,58€

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que o Consello da Xunta autorizou a sinatura dos acordos coas universidades para a posta en marcha do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026, que este ano contará cun orzamento de máis de 469 millóns de euros.

Segundo aseverou Feijóo, trátase do plan máis ambicioso da historia, que mobilizará preto de 3.200 millóns de euros nos vindeiros cinco anos, o que supón case un 30% máis. De feito o orzamento para 2022 supón un 5,4% máis que o do último ano do Plan de financiamento anterior.

A maiores, Feijóo lembrou que o Plan de Financiamento Universitario se estrutura en dous fondos. O financiamento non condicionado, que conta con 390 M€, está destinado a blindar os gastos que permiten o normal funcionamento das universidades, como os asociados á docencia, que reciben 260 M€ do orzamento consignado para este ano, e ao mantemento das infraestruturas, que contará cun financiamento de 28,3 M€. 61 millóns de euros repartiranse segundo un panel de 41 indicadores de resultados. Neste eido, este ano engádese un novo subfondo para o plan de viabilidade financeira, eficiencia e mellora estratéxica cun orzamento de case 14,3 millóns de euros.

No que atinxe ao financiamento de investigación, este ano está dotado de 62,5 millóns para financiar programas de I+D+i e máis de 12 millóns de euros para outros cometidos en relación con este eido. Nesta liña, Feijóo puxo en valor que neste Plan de Financiamento Universitario refórzase a inversión en investigación cun 41% máis de fondos ata acadar os 400 M€.

Para finalizar, o presidente da Xunta salientou que Galicia é “a terceira Comunidade con maior investimento en porcentaxe de PIB para as universidades co 0,71% mentres que a media de España está no 0,58€. E tamén somos a Comunidade, nos últimos 12 anos, coas taxas universitarias máis baixas de toda España”.

Imaxes relacionadas