A Xunta leva a Vigo o Plan de Formación para persoal de servizos sociais

Vigo, 3 de febreiro de 2022

A Xunta continúa a impartir o primeiro Plan de Formación para persoal de servizos sociais no que se aborda, entre outras materias, as novidades normativas en materia de discapacidade. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe os participantes que asistiron a esta sesión formativa sobre a Lei 8/2021 de atención ás persoas con discapacidade na delegación da Xunta en Vigo.

Entre os asistentes encóntranse profesionais de 9 entidades sociais de Galicia como a Asociación Érguete, Casa Porteliña, Cáritas Diocesana Santiago, Fundación Santa Cruz, Fundación las Samaritanas, Provivienda Vigo e persoal implicado na Fundación Pública para a Tutela de Persoas Adultas (Funga).

O Plan de Formación Continuada iniciouse o pasado mes de novembro e está dirixido a máis de 10.000 profesionais e conformado por 300 actividades e máis de 6000 horas. Este plan permite atender as dúbidas e formar os profesionais dos diferentes centros nas técnicas máis avanzadas. Os contidos deles irán desde novidades normativas ata aspectos máis tecnolóxicos ou sociais.