A Xunta destaca o interese da Feira Enerxétika 2022 como punto de encontro do sector e foro de debate sobre o futuro das enerxías

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o evento que se inaugurou hoxe no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, por ser o único do noroeste peninsular que engloba a todos os sectores representados no eido das enerxías

Nun espazo de 3.893 metros cadrados, estarán representadas 251 firmas expositoras de 13 países, tanto das enerxías convencionais como das renovables, e levaranse a cabo máis de 80 conferencias, encontros e actividades sobre eficiencia enerxética, mobilidade sostible, electrónica industrial e todo tipo de servizos vencellados ao sector enerxético

Francisco Conde defendeu unha transición ecolóxica xusta e planificada que permita despregar nova potencia renovable, crear un tecido industrial máis sustentable, xerar emprego e atraer investimentos

O Goberno galego vai convocar este ano preto de 110M€ en diferentes ordes de axudas para desenvolver proxectos de eficiencia enerxética e impulso de enerxías renovables en empresas, para familias e autónomos
 

Silleda (Pontevedra), 3 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, inauguraron hoxe a terceira edición da Feira de Enerxía Enerxétika 2022, a única do noroeste peninsular que engloba todos os sectores representados no eido das enerxías. No acto participaron tamén o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.
Enerxétika 2022, que se celebra desde hoxe ata o sábado no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, retoma a súa actividade despois da pandemia -a edición do 2020 tivo que ser aprazada- como punto de encontro do sector e foro de debate sobre o futuro das enerxías. Nun espazo de 3.893 metros cadrados, participarán 251 firmas expositoras de 13 países, tanto das enerxías convencionais como das renovables, e levaranse a cabo máis de 80 conferencias, encontros e actividades sobre eficiencia enerxética, mobilidade sostible, electrónica industrial, iluminación, material, equipos e servizos vencellados ao sector enerxético.
O vicepresidente primeiro puxo en valor o evento pola ampla participación dun sector que hoxe levanta moitas expectativas, tanto polo prezo das enerxías como pola súa repercusión na industria e nunha transición enerxética que, recordou Alfonso Rueda, “ten que ser xusta”.
Na área expositiva destaca o Salón de Innovación Enerxétika, para o que foron seleccionados 18 proxectos, así como encontros sectoriais e conferencias, pero tamén espazos abertos ao público como un circuíto de vehículos eléctricos ou híbridos e unha zona divulgativa para axudar a comprender o mundo da enerxía.
A feira conta co apoio dos catro clústeres galegos de enerxía e co compromiso da Xunta de Galicia para que o encontro sexa “un espazo de negocio, interacción e análise para un sector tan puxante como o da enerxía”, indicou Alfonso Rueda, quen reforzou a aposta do Goberno galego por situar Galicia como referente na transición enerxética.
O vicepresidente primeiro manifestou tamén a súa satisfacción por que Enerxétika 2022 abra o calendario anual de feiras no recinto de Silleda, o que supón a volta á normalidade para un sector que se viu moi prexudicado pola pandemia e no que a Xunta investiu 770.000 euros para adaptarse á situación sanitaria e abrir novos mercados. Alfonso Rueda subliñou, tamén, que o recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca é o lugar máis axeitado para encontros deste tipo pola súa situación estratéxica, as condicións do espazo expositivo, a profesionalidade do seu persoal e a súa experiencia.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, manifestou que Enerxétika 2022 se celebra nun momento clave para o sector. Segundo dixo, Galicia quere acometer unha transición ecolóxica xusta e planificada que permita despregar nova potencia renovable, crear un tecido industrial máis sustentable, xerar emprego e atraer investimentos. E avogou por facelo acompañando en todo este proceso as necesidades de empresas —especialmente das pemes—, e autónomos, dos sectores que son estratéxicos para a economía galega e, por suposto, das familias.

Nese sentido, a Xunta vai convocar este ano preto de 110M€ en diferentes ordes de axudas para desenvolver proxectos de eficiencia enerxética e impulso de enerxías renovables en empresas, para familias e autónomos, e para a mobilidade sustentable e eficiente.

Conde subliñou que a reactivación económica tras a pandemia pasa por aproveitar todas as oportunidades que ofrece este contexto para xerar actividade industrial e emprego. E, nese sentido, asegurou que ese é o obxectivo da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation. De feito, a metade dos proxectos que contempla céntranse en actuacións vinculadas coa transición enerxética, a economía circular ou a mobilidade sustentable, como a produción de hidróxeno verde, biocombustibles ou fibras téxtiles a partir da optimización dos recursos forestais.

A clave, engadiu, está no autoconsumo, na mellora da eficiencia e nos avances tecnolóxicos en materia de almacenamento enerxético e mobilidade que se poidan producir grazas á I+D+i. E, ao respecto, apostou por fortalecer a colaboración público-privada para favorecer unha transición enerxética en Galicia que sexa sinónimo de transformación e oportunidade, fundamentalmente, para as pemes.

O sector enerxético supón para Galicia o 4,3% do seu PIB e xera 10.000 empregos directos e 22.000 indirectos. Ademais, Galicia produce o 10% da enerxía total de España e o 20% da enerxía eólica a nivel nacional.

Imaxes relacionadas