Emigración abre a convocatoria de 250 bolsas de Máster en Galicia para mozos galegos residentes no exterior

O Goberno galego aumentou, por segundo ano consecutivo, en 50 as bolsas excelencia mocidade exterior para o curso 2022/23 de cara a atraer aos galegos do exterior de alta cualificación

O obxectivo destas bolsas é que estes mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria que lles permita quedar a traballar e vivir en Galicia

Santiago de Compostela, 03 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a nova convocatoria, promovida pola Secretaría Xeral da Emigración, das bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster), (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220203/AnuncioG0595-040122-0008_gl.html) cuxa sexta edición supón un novo incremento, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada.
Deste xeito, o Goberno galego destina 2,15 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.
A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 200 bolsas do pasado curso ás 250 para o 2022/23, aumentando en 50 as bolsas por segundo ano consecutivo.
O obxectivo destas bolsas é que estes mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia. “Ao darlle un apoio económico durante o tempo que complementan a súa formación poden irse adaptando ao mercado laboral mentres realizan o máster e conseguir así posteriormente un emprego ou crear a súa propia empresa”, explicou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración.
Todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Requisitos para ser beneficiario e contía da bolsa

Os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de entre 10.500 ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).
Á convocatoria do ano pasado presentáronse case 500 solicitudes procedentes de preto de 30 países distintos.

1.150 oportunidades de retorno

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2022, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 1.150 mozos galegos do exterior no ámbito universitario.
Os interesados teñen ata o próximo 29 de abril para presentar a súa solicitude. Toda a información pode consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración: https://emigracion.xunta.gal/

Imaxes relacionadas