A Xunta executa obras de mellora da seguridade na estrada AC-934, no treito coincidente co Camiño Norte, ao paso polo Concello de Sobrado

A actuación consiste na construción de dous tramos de senda de 1,5 metros de ancho pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 19+120 e 20+630

A intervención inclúe a instalación de tubaxe baixo o firme da senda e unha obra de drenaxe transversal para cruzar o rego de Lamas baixo a vía
 

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

A Xunta está a executar obras de mellora de seguridade viaria na estrada AC-934, no treito coincidente co Camiño Norte, ao paso polo concello de Sobrado.
Os traballos desenvólvense no tramo desta estrada autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 19+120 e 20+630.
A actuación consiste na execución de dous tramos de senda de 1,5 metros de ancho pola marxe dereita da vía. Tamén inclúe a instalación de tubaxe de 600 mm baixo o firme da senda. Ademais, executarase unha obra de drenaxe transversal para cruzar o rego de Lamas baixo a vía.
Os traballos compleméntanse coa mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

Trátase de obras deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos.

Esta intervención, cun investimento de preto de 200.000 euros, está incluída nas 70 actuacións que a Xunta executa nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun orzamento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera este ano, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Imaxes relacionadas