O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa na apertura das XLIII Xornadas de Colexios Maiores Universitarios

Román Rodríguez salienta a importancia da etapa universitaria desde a perspectiva de aprendizaxe social, impulso creativo e interacción multicultural

Reitera o compromiso da Xunta por un sistema universitario público de calidade, cunha aposta pola innovación e a transferencia de coñecemento

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliña a importancia da etapa universitaria entre a mocidade, non só desde o punto de vista da adquisición de coñecemento desde unha perspectiva académica, senón tamén desde “a aprendizaxe social, o impulso creativo, o intercambio de ideas e a interacción multicultural”.

Así o sinalou con motivo da inauguración das XLIII Xornadas de Colexios Maiores Universitarios Metatendencias, Universidade e Colexios Maiores: unha ruta para 2050 organizadas polo Consejo de Colegios Mayores Universitarios de España e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se celebra ata o sábado na capital de Galicia.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez subliñou o compromiso da Xunta cun sistema universitario galego de calidade, cunha clara aposta pola innovación, a internacionalización, a transferencia de coñecemento e a garantía de incorporación dos egresados á vida profesional. “A todos estes retos -apuntou o conselleiro- responde o novo Plan de Financiamento Universitario para o período 2022-26 que é froito do compromiso e a colaboración cos tres reitores e que blinda os recursos necesarios para seguir asegurando o labor docente e a excelencia académica”.

No acto, cuxa conferencia inaugural correu a cargo do analista económico e financeiro Emilio Ontiveros, o conselleiro salientou que a educación “é o eixo central do noso desenvolvemento colectivo, na medida que en xera oportunidades en clave de presente e de futuro”.

Imaxes relacionadas