A Xunta de Galicia destina ao deporte da comarca da Coruña máis de 1,5 millóns de euros para a loita contra a pandemia e para a súa reactivación


Gonzalo Trenor reuniuse cos representantes da escola de ximnasia Acordes de Oleiros para informar do apoio da Secretaría Xeral para o Deporte á actividade deportiva para favorecer a súa reactivación o ano pasado

Son, en total, 503 axudas directas a entidades deportivas da comarca da Coruña en 2021 para a reactivación do deporte na área

Oleiros (A Coruña), 2 de febreiro de 2022

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse cos representantes da escola de ximnasia Acordes que realiza os seus entrenamentos no CEIP da Rabadeira en Oleiros. Na visita o representante do Goberno galego informou que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, leva investidos preto de 1,5 millóns de euros para a reactivación do deporte na comarca da Coruña en axudas directas para federacións e clubs deportivos ao longo de 2021.

A pandemia supuxo a paralización da actividade deportiva na Comunidade Autónoma durante os meses de marzo a xuño de 2020 e, tras ela, unha volta á actividade e á competición, condicionada polas restricións e limitacións impostas. Cómpre salientar o excelente comportamento de deportistas, clubs e federacións neste aspecto, acadando que o deporte federado fora un dos ámbitos máis protexidos nas sucesivas normas aprobadas. Por iso, dende o primeiro momento, Galicia camiñou da man do tecido deportivo galego e impulsou numerosas medidas para facilitar o camiño da volta á normalidade.

Ademais dos recursos propios do orzamento deportivo anual da Xunta de Galicia, no último trimestre do ano 2021, a Secretaría Xeral para o Deporte repartiu máis de 432.000 euros que foron destinados á convocatoria extraordinaria equipamentos e 528.000 euros destináronse á liña de axudas de reactivación da actividade deportiva. Os Fondos de Consenso, aprobados polo Parlamento de Galicia, contribúen á recuperación económica e social de Galicia tras a crise sanitaria. No ámbito deportivo recomendan o impulso de axudas destinadas á compensación das perdas pola caída de ingresos derivados da redución de aboados e público, así como destinadas a afrontar as cotas federativas.

528.000 euros para a recuperación da práctica deportiva

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución de axudas directas a federacións deportivas, clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para a reactivación da actividade deportiva competitiva no contexto da Covid-19. En total, foron máis de 528.000 euros os que se repartiron entre 141 entidades coruñesas para apoiar ao tecido deportivo no seu proceso de recuperación da práctica deportiva e de competición deportiva federada, desde a base ata o alto rendemento e nivel competitivo.

Esta liña de axudas directas orbita sobre un triplo pivote. Por unha banda, ocúpase das cotas federativas que dan dereito á participación de clubs e deportistas nas competicións deportivas oficiais, tanto autonómicas como estatais non profesionais. Un impulso máis que necesario para reactivar a actividade federativa.

Por outra banda, ocúpase tamén da minoración dos ingresos obtidos polas entidades deportivas como consecuencia da paralización e peche da actividade, ou do seu desenvolvemento con limitacións de público e capacidade, cunha consecuente rebaixa do montante obtido na venta de billetes e abonados.

Por último, establécese tamén un recoñecemento dos esforzos realizados por aquelas federacións deportivas galegas que, no obxecto de protexer a súa respectiva competición, adoptaron medidas para favorecer a inscrición dos equipos e deportistas.

600.000 euros máis para actividades e seguridade e prevención

Ademais da devandita resolución, o pasado mes de agosto, a Secretaría Xeral para o Deporte resolvía a convocatoria de subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas da Coruña para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19.

Nesta segunda liña de actuación -directamente vinculada a sufragar os gastos ocasionados pola pandemia- destináronse máis de 600.000 euros a 260 entidades deportivas da comarca da Coruña.

430.000 euros para equipamentos

A liña de subvencións para a adquisición de equipamentos no ano 2021 foi a primeira cuxos fondos foron destinados á reactivación do deporte galego e mesmo incluíu a posibilidade de sufragar material sanitario como equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da Covid-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.). En total foron beneficiados nesta liña 102 clubs e federacións coruñesas con máis de 430.000 euros.

Outras medidas contra a Covid

Xa en maio de 2020, en pleno confinamento e traballando coas federacións, deportistas e clubs de xeito online, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou como medida pioneira posibilidade de que, no marco do convenio de colaboración de 2020, as federacións adquirisen material sanitario non inventariable (luvas, máscaras, xeles...) necesarios para a reactivación da actividade deportiva.

En xuño de 2020, cando Galicia foi a primeira comunidade en abandonar o confinamento grazas aos seus mellores datos epidemiolóxicos, a comunidade xa contaba cun protocolo para a volta á actividade deportiva. O obxecto do FISICOVID-DXTGALEGO, do que naceron os protocolos de cada unha das federacións deportivas galegas, foi establecer a metodoloxía a seguir polas propias federacións no establecemento das medidas de prevención necesarias para facer fronte para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia.

Cómpre lembrar tamén as cinco Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ elaboradas pola Secretaría Xeral para o Deporte e expertos universitarios que poñen á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva con toda a seguridade e cumprimento das normativas. Asemade, o traballo da Xunta de Galicia xunto a Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) deu como froito as ‘Pílulas solidarias’ de adestramento mental levadas a cabo durante os meses de confinamento para axudar á preparación e motivación dos e das deportistas, técnicos e técnicas, así como todos os representantes do tecido deportivo de 20 países e que foron editadas en libro.

Imaxes relacionadas