Lete Lasa ratifica ao apoio da Xunta ao Club Deportivo Miño – Os Teixugos (Tomiño) tras o seu excepcional inicio de ano

Destaca a importancia do club do que cada ano saen grandes piragüistas como Luis Fernández (subcampión mundial en 2019) e ratifica o apoio da Xunta ao club como vén facendo desde 2009, un período no que recibiu preto de 55.000 euros en diversas liñas de axuda

Tomiño (Pontevedra), 2 de febreiro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou no serán de hoxe a sede do Club Deportivo Miño – Os Teixugos en Tomiño. Alí, o responsable do Deporte Galego felicitou ao equipo pontevedrés polo seu magnífico arranque de ano no que destacan importantes triunfos como os colleitados na primeira xornada da Liga Galega de Eslalon, celebrada en Mondariz-Balneario, así como na Taça Ibérica, disputada en Vilanova de Cerveira. “Os vosos resultados”, dixo, “confírmanvos como un dos mellores equipos galegos de piragüismo en augas bravas, non só de agora, senón desde o voso nacemento en 1991”.

Lete Lasa destacou a importancia do club do que cada ano saen grandes piragüistas como Luis Fernández (subcampión mundial en 2019) e ratificou o apoio da Xunta de Galicia ao club como vén facendo desde 2009, un período no que o club de Tomiño recibiu preto de 55.000 euros en diversas liñas de axuda. No último ano, a través das liñas de actividade, Covid-19, reactivación, equipamento e os patrocinios de alta competición, a Secretaría Xeral para o Deporte destinou 17.000 euros ao club.

Nun sentido máis amplo, o mandatario galego lembrou a decidida aposta da Xunta de Galicia polo piragüismo en augas bravas, confirmada nas últimas datas, co acordo para levar a cabo unha canle de eslalon no río Xallas en Dumbría (A Coruña) e os traballos para executar outra máis na zona do encoro de Bora en Pontevedra.

Imaxes relacionadas