O Sergas publica a listaxe definitiva de admitidos e o nomeamento dos tribunais no concurso-oposición para o ingreso en varias categorías de persoal estatutario

Resultaron admitidas con carácter definitivo un total de 13.184 persoas aspirantes, para cubrir un total de 680 prazas ofertadas en 24 categorías de persoal estatutario

Está previsto que os exercicios da fase de oposición se realicen no segundo trimestre deste ano

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se aproban as listaxes definitivas de admitidos no concurso-oposición para o acceso ás categorías de calefactor, electricista, fontaneiro, mecánico, condutor, costureiro, lavandeiro, pasador de ferro, persoal informático, traballador social e facultativo especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.
Na mesma resolución tamén se nomean os tribunais de selección para o acceso a estas categorías, ademais dos correspondentes ás categorías de cociñeiro, logopeda, pinche, telefonista, terapeuta ocupacional e técnico de farmacia (quenda de discapacidade intelectual).
O Servizo Galego de Saúde oferta un total de 680 prazas na totalidade destes procesos selectivos, das que 239 corresponden á categoría de pinche. Así, está previsto que os exames da fase de oposición se realicen no segundo trimestre deste ano.
As normas de funcionamento dos tribunais acordadas pola Mesa Sectorial de Sanidade, así como o protocolo de medidas organizativas e hixiénico-sanitarias, derivadas da pandemia, estarán a disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde, na sección de emprego público.
Máis do 18 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio, por non estar en posesión do Celga ou certificado correspondente acreditativo do coñecemento do idioma galego. Así mesmo, exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando a súa participación por esta quenda de acceso, un total de 263 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.
Tamén resultaron admitidas un total de 930 persoas aspirantes pola quenda de acceso de discapacidade, 175 das cales, con discapacidade intelectual. Así mesmo, o 63% das persoas admitidas son mulleres e o 69 % teñen idades comprendidas entre os 35 e os 55 anos. O 2% das persoas admitidas proceden de fóra da Comunidade Autonóma.
As listas de admitidos e excluidos, con indicación do motivo de exclusión, e os exentos e non exentos da realización do exercicio de lingua galega, poderán consultarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
O Servizo Galego de Saúde avanza así no desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso á condición de persoal estatutario fixo, que foron convocados con anterioridade á publicación do Real Decreto Lei 14/2021, do 6 de xullo e Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, en execución dos decretos de oferta dos anos 2018, 2019, 2020 e 2021, dando así cumprimento á disposición transitoria primeira da citada Lei.
Todo isto, sen prexuízo de que o Servizo Galego de Saúde dea cumprimento ás previsións contidas na Lei de medidas para a redución da temporalidade no emprego público e Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022 e aprobará antes do 1 de xuño deste ano unha nova oferta de emprego público que incluirá prazas de estabilización, a prover polo sistema de concurso e de taxa ordinaria, nos termos da normativa exposta.
Ademais nestes días estanse a manter as reunións dos respectivos órganos de selección co obxecto de valorar os méritos da fase de concurso dos procesos selectivos para o acceso ás distintas especialidades da categoría de facultativo especialista de área, médico de admisión e documentación clínica, médico/asistencial do 061, médico de urxencias hospitalarias e seis especialidades da categoría de técnico sanitario de formación profesional.

Imaxes relacionadas