A conselleira de Medio Ambiente, Territorio participou telematicamente na Conferencia sectorial de vivenda e solo

A Xunta traslada ao Goberno central que os mecanismos de acceso ao Bono alugueiro mozo non priorizan aos galegos con maiores necesidades

Ángeles Vázquez indica que a expectación xerada ao redor destes incentivos provocará unha alta demanda e propón un reaxuste dos requisitos dos beneficiarios para facilitar a emancipación dos mozos que máis axuda precisan

“Segundos os nosos cálculos, só 4.000 persoas poderán optar a estes incentivos, é dicir, 14 de cada 1.000 posibles beneficiarios”, sinala

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia trasladou ao Goberno central que os mecanismos de acceso ao Bono alugueiro para mozos non priorizan aos galegos con maiores necesidades.

Esta situación foi trasladada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que esta mañá interveu telematicamente na Conferencia sectorial de vivenda e solo, na que se confirmou que Galicia recibirá 11,4 millóns de euros na anualidade de 2022 desta nova ferramenta —un 5,7% dos 200 millóns que fixou a Administración estatal—.

Recordou que en Galicia, pola análise feita polo Instituto Galego da Vivenda e Solo tras a publicación do Real decreto no Boletín Oficial do Estado, o número de posibles beneficiarios, segundo o tramo de ingresos, ascende a 280.000 mozos. “Á vista da aplicación do programa, concluímos que só 4.000 persoas menores de 35 anos poderán optar a estes incentivos, é dicir, só 14 de cada 1.000 posibles beneficiarios”, sinalou.

Ángeles Vázquez engadiu que a alta demanda que probablemente se producirá o mesmo día que abra a convocatoria “bloqueará o acceso ás persoas que máis axuda precisan das administracións para acceder ao seu primeiro fogar”, a favor daquelas que cumprindo os requisitos tramiten antes a súa solicitude, dado que o programa é de concorrencia non competitiva.

Así, agarda que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana reconsidere “e non dea por pechada” esta cuestión, tendo en conta que serán as comunidades autónomas ás terán que ordenar, instruír, tramitar, resolver e aboar estas axudas.

Plan estatal de vivenda

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente trasladou que Galicia acepta o reparto do novo Plan estatal de vivenda 2022-2025, realizado polo Goberno central, e polo que a Comunidade galega recibirá 19,6 millóns de euros. En todo caso, indicou a necesidade de actualizar os criterios que se empregan para determinalo, pois “son condicións fixadas en 1992, é dicir, hai tres décadas”.

Asemade, advertiu que “hoxe por hoxe”, coñécese a contía que recibirá Galicia para o presente exercicio, 2022 e, sen embargo, non está fixado o orzamento do que disporá nas vindeiras anualidades —2023, 2024 e 2025—. Nese sentido, indicou a necesidade de “achegar canto antes esta información de calado” para que as comunidades poidan planificar e actualizar as estratexias autonómicas, tanto a nivel financeiro como en materia de vivenda, dado que a Comunidade achega o 30% do Plan.

Defendeu que “é tan importante saber o orzamento, como dispoñer do mesmo”, polo que unha vez máis solicitou axilidade ao Goberno central á hora de transferir os fondos do Bono e do Plan estatal, co fin de que as comunidades – unha vez se asinen os convenios correspondentes- poidan publicar as convocatorias, abrir os prazos de solicitude e aboar as axudas aos seus destinatarios finais, os galegos.

Conferencia sectorial “urxente”

Por último, Ángeles Vázquez tamén demandou na reunión a convocatoria dunha próxima Conferencia sectorial para abordar dous temas en exclusiva. Por unha banda, a Lei estatal de vivenda, unha norma que “invade as competencias autonómicas exclusivas na materia”; e a segunda, a situación actual da Sareb, dado que “moitas familias en Galicia están en vilo ante os cambios que se están producir e como estes afectarían aos contratos de arrendamento que manteñen con esta sociedade pública”.

Imaxes relacionadas