A Xunta patrocina o curso de navegación off road impartido polos galegos que participaron no Rally Dakar 2022, Diego Vallejo e Eduardo Iglesias

O secretario xeral para o Deporte mantivo unha xuntanza co copiloto de coches e co piloto de motos lucenses e asegurou que “o feito de que ambos os dous chegaran á meta demostra a gran calidade do motor en Galicia”

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos deportistas galegos que veñen de competir no Rally Dakar 2022. Por unha banda, o copiloto lucense Diego Vallejo rematou o rally -xunto ao piloto Óscar Fuertes- na trixésimo cuarta (34) posición da categoría de coches na que supuxo a súa sexta participación no rally. Pola outra, o piloto lucense Eduardo Iglesias concluíu a proba na septuaxésimo oitava (78) posición na categoría de motos, firmando o seu terceiro Dakar consecutivo. Para Lete Lasa, que “os dous deportistas galegos que encaraban o rally máis esixente do mundo chegaran á meta demostra a gran calidade e o gran momento que atravesa o motor en Galicia”.

Lete Lasa asegurou que a Xunta seguirá apoiando a presenza de deportistas galegos nas probas máis importantes do mundo como é o caso do Dakar e como ocorre con Eduardo Iglesias grazas ao patrocinio recibido da Secretaría Xeral para o Deporte e de Galicia Calidade.

Neste sentido, o mandatario galego informou que a Xunta de Galicia patrocinará o curso de navegación off road con roadbook organizado pola empresa galega CleverCap Sistemas de Información e que será impartido por Diego Vallejo e Eduardo Iglesias. O curso terá lugar os días 18 e 19 de marzo e dará a coñecer a nova navegación aplicada no Dakar, ademais de perfeccionamento e xestión en técnicas de navegación. Ademais, o domingo 20 de marzo terá lugar unha mesa redonda na que participarán pilotos de primeiro nivel mundial e na que compartirán as súas experiencias cos participantes do curso e o público asistente.

O sistema de navegación utilizado no Dakar é produto da empresa francesa ERTF pero o seu uso está restrinxido ao propio rally. O único xeito de adestrar con este modelo é a través do equipo Cap Road, creado pola empresa galega CleverCap, e que replica as funcionalidades do sistema orixinal francés.

Imaxes relacionadas