A Policía Autonómica comisa 38 quilos de percebe nun dispositivo en Vigo

Foi identificada unha persoa contra a que se levantou unha acta de infracción e a mercadoría intervida repartiuse entre centros benéficos do Concello de Vigo

Vigo, 2 de febreiro de 2022

Axentes da Policía Autonómica de Vigo, en colaboración coa Policía Nacional, comisaron na xornada de onte 38 quilos de percebe nun dispositivo na cidade de Vigo. Os axentes da Policía Autonómica, a requirimento da Policía Nacional, inspeccionaron un vehículo no que o propietario transportaba tres caixas de percebes.

A Policía Autonómica identificou ao condutor e levantou unha acta de presunta infracción da Lei de Pesca de Galicia debido a que o propietario non aportou etiqueta de trazabilidade, nin factura do produto que acreditase a procedencia do marisco.

Tamén se procedeu ao comiso da mercadoría, que ascende a 38 quilos de percebe, os cales foron repartidos entre centros benéficos do Concello de Vigo.

Imaxes relacionadas