O Observatorio da eólica mariña, impulsado pola Xunta de Galicia, avanza na súa actividade coa constitución do grupo de impacto social

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou hoxe no encontro deste grupo no que están representados os diferentes axentes sociais

Reitera o compromiso de que calquera proxecto que se aprobe terá que ser compatible coas actividades marítimo pesqueiras xa existentes e respectar a protección do medio ambiente e das costas galegas

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá xunto con representantes das consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nun novo encontro do Observatorio da eólica mariña no que quedou constituído o terceiro grupo de traballo, que se centrará no impacto social que pode supoñer a implantación de parques eólicos mariños na costa galega.

Forman parte deste grupo de traballo os diferentes axentes sociais cos que se avaliará a proposta de zonas dos Plans de Ordenamento do Espazo Mariño (POEM) -a falta de coñecer o documento definitivo por parte do Goberno central- e buscar a súa integración nos obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais. Súmase aos grupos de planificación e normativa e mais de tecnoloxía e innovación xa activados.

Deste xeito, o Observatorio continúa avanzando no seu labor de identificar oportunidades e analizar como pode afectar ao contorno e ás actividades marítimo-pesqueiras, fundamentalmente, a instalación deste tipo de parques eólicos.

Neste sentido, o encontro serviu para seguir fortalecendo tanto a colaboración como o diálogo entre todos os axentes implicados baixo o compromiso de que calquera proxecto que se aprobe terá que ser compatible coas actividades existentes e respectar a protección tanto do medio ambiente como das costas galegas.