A Xunta adxudica por máis de 456.000 € as obras de mellora do abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais do núcleo da Derrasa, no Pereiro de Aguiar

Esta intervención, cun prazo de execución de 4 meses, ten como fin renovar estas infraestruturas hidráulicas

Augas de Galicia asume o seu compromiso de financiar o 80% das obras para aumentar a eficiencia destes servizos de competencia municipal

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 456.000 euros as obras de mellora do abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais do núcleo da Derrasa, no concello do Pereiro de Aguiar.

Este contrato, adxudicado á empresa Vázquez y Reino, S.L., comprende a renovación das infraestruturas hidráulicas neste núcleo de poboación, co fin de aumentar a eficiencia destes servizos de competencia municipal. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses.

As obras enmárcanse no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello do Pereiro de Aguiar, polo que a Administración autonómica se compromete a financiar o 80% da actuación.

A intervención será financiada no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19.

Os traballos proxectados por Augas de Galicia incluirán a disposición de novas canalizacións en ambas as marxes da estrada OU-536. Á altura do punto quilométrico 7+940 está previsto que as redes crucen a estrada autonómica para conectar os colectores das dúas marxes.

O destino final da rede de residuais é a depuradora da Derrasa e as pluviais derívanse a unha zona próxima, no río Lonia.

As obras darán servizo a unha poboación de 460 habitantes para o ano horizonte 2043.

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de modo eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento.

Nesta liña o departamento que preside Ethel Vázquez segue a traballar para intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.