O conselleiro de Educación recibe os 13 estudantes galegos recoñecidos a nivel estatal

Galicia acapara o 17% dos premios nacionais de FP pese a contar só co 6% do alumnado

Román Rodríguez subliña que estes recoñecementos son un reflexo do talento e esforzo da mocidade así como da calidade do traballo que realizan os docentes e os equipos directivos dos centros

Reitera o compromiso do Goberno da Xunta por unha FP innovadora e de calidade, que se verá potenciada a través da nova Estratexia de Formación Profesional de Galicia, que está a piques de ultimarse

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022

O alumnado de Formación Profesional de Galicia acapara preto do 17% dos Premios Nacionais de FP de Grao Superior do conxunto do Estado, pese a contar con só o 6% do total do alumnado. Galicia vén de alzarse con 13 do total de 78 recoñecementos, que corresponden ás convocatorias dos anos 2017,2018 e 2019.

Os galardoados foron recibidos esta mañá polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que aproveitou para transmitirlles a felicitación en nome da Xunta e de Galicia. “A vosa vitoria nos Premios Nacionais de Formación Profesional é un reflexo do talento, da dedicación e do esforzo que amosades en cada un dos vosos proxectos, así como un orgullo para todos nós”, expresou.

Román Rodríguez sinalou que estes galardóns significan tamén un recoñecemento ao labor que están facendo os centros e os seus equipos directivos e docentes a prol dunhas ensinanzas de Formación Profesional que hoxe en Galicia son sinónimo de calidade e de empregabilidade.

O conselleiro lembrou que a día de hoxe a Formación Profesional galega é “un referente” tanto en España como en Europa e comprometeu que o Goberno da Xunta vai seguir apostando por este modelo formativo onde destaca especialmente a FP Dual como unha das vías que xera maiores oportunidades profesionais para a mocidade. Neste senso lembrou que o seu departamento está a ultimar a nova Estratexia de Formación Profesional de Galicia, que será a folla de ruta destas ensinanzas para avanzar na innovación, a dixitalización e a excelencia.

Na parte alta da táboa por CCAA

No que atinxe aos Premios Nacionais de FP, Galicia sitúase como a segunda CCAA, por detrás da Comunidade Valenciana, con más alumnos galardoados; e a moita distancia de Canarias (que é a terceira con nove premios) ou Castela e León e Madrid (con oito recoñecementos cada unha delas nestes anos).

Cómpre lembrar que o Goberno da Xunta tamén conta con galardóns propios para recoñecer o labor dos estudantes de Formación Profesional, cunha convocatoria anual de Premios Extraordinarios de Grao Superior. De feito, ao abeiro da convocatoria deste ano, o pasado setembro foron recoñecidos un total de 21 titulados en FP, todos eles cunha cualificación final do ciclo igual ou superior a 8,5 puntos.

Este tipo de galardóns (tanto a nivel estatal como autonómico) únense a outros escaparates que permiten visibilizar o traballo dos alumnos, do profesorado e do coxunto do persoal dos centros de FP, como son as convocatorias anuais das Olimpíadas de FP a nivel galego, estatal e mundial (Galiciaskills, Spainskills e Worldskills, respectivamente).

Listado de premiados:

 

ALUMNO
CENTRO
FAMILIA
ANO

Jesús Regal Rodríguez

IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia)

Agraria

2017

Estefanía Vilasante Vázquez

CIFP As Mercedes (Lugo)

Comercio e márketing

2017

Ángel Canle Paz

IES Universidade Laboral (Culleredo)

Enerxía e Auga

2017

María Triñares Costa

CIFP Carlos Oroza (Pontevedra)

Hostalaría e turismo

2017

Rosa María Portas Tato

IES de Teis (Vigo)

Imaxe persoal

2017

Esteban Fernández Alonso

CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)

Madeira, moble e corcho

2017

Isabel Cabrera Tilve

CIFP A Granxa (Ponteareas)

Seguridade e medio ambiente

2017

María Carmen Campos Casqueiro

CIFP Manuel Antonio (Vigo)

Téxtil, confección e pel

2017

Rafael Brea Bodelo

IES Monte Neme (Carballo)

Electricidade e electrónica

2018

Roberto Carlos Álvarez Miguélez

CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo)

Moble, madeira e corcho

2018

Estefanía Ramos Bellas

IES Muralla Romana (Lugo)

Administración e xestión

2019

Cecilia Pérez Dávila

CIFP Coroso (Ribeira)

Industrias alimentarias

2019

Ángel Enrique López Pérez

CIFP A Granxa (Ponteareas)

Seguridade e medio ambiente

2019

Imaxes relacionadas