A Xunta valora a cooperación transfronteiriza con Portugal como piar de desenvolvemento turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na apertura oficial da nova oficina de información e turismo de Tui

A nova infraestrutura adscríbese ao programa POCTEP “Río Miño, destino navegable”, no que Turismo de Galicia colabora para o desenvolvemento turístico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Tui (Pontevedra), 2 de febreiro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na inauguración da nova oficina de turismo de Tui, unha iniciativa que se enmarca no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) Río Miño, Destino Navegable, que está a supor un investimento de algo máis de 1 millón de euros no territorio.
Neste sentido, Castro puxo en valor a cooperación transfronteiriza así como a colaboración público-privada co sector, como fórmula de éxito para o desenvolvemento turístico do territorio, “a través dun río como o Miño que estende pontes entre Galicia e o norte de Portugal e crea unha rexión propia unida por unha cultura, un xeito de vivir e unha comunidade que medra interrelacionándose”.
A través do programa puxéronse en marcha diferentes iniciativas para mellorar a navegabilidade do río Miño así como a conectividade da Eurorrexión e a interrelación entre a veciñanza, buscando por en valor os moitos atractivos cos que conta a Eurorrexión co Miño como fío conductor. A través de diferentes accións que implicaron a entidades lusas e galegas, estase a mellorar as infraestruturas fluviais para acoller novos fluxos turísticos ao tempo que se poñen en marcha actividades de promoción e creación da ruta fluvial do río Miño que permita valorizar o patrimonio cultural e turístico co que conta a Eurorrexión.

Imaxes relacionadas