A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade achegouse ao concello coruñés con motivo do inicio do novo contrato para continuar coa xestión autonómica da instalación municipal, que a Xunta vén asumindo desde 2025 cun investimento global de 12,5 M€

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 1,7 M€ para garantir unha xestión profesional e innovadora da depuradora municipal da Pobra nos próximos dous anos empregando sistemas de intelixencia artificial

O novo contrato abrangue os traballos necesarios para o óptimo funcionamento da depuradora, que xera 3.000 toneladas ao ano de residuos, incluíndo a retirada de graxas e flotantes, esencial polos vertidos de carácter industrial

Vázquez Mourelle destaca a necesidade da actuación municipal para evitar que augas industriais sen tratamento previo cheguen á depuradora

Apunta as melloras previstas nas instalacións, co impulso de proxectos de I+D e a utilización de sistemas de intelixencia artificial

Anuncia que neste mes, unha vez se conte coa aprobación por parte do Concello, se licitarán as obras para instalar un novo sistema terciario, no que a Xunta investirá máis de 205.000€

Adianta a aprobación, neste primeiro trimestre do ano polo Consello da Xunta e para a súa remisión ao Parlamento, da Lei de mellora da xestión ciclo integral da auga

Lembra que esta lei permitirá redobrar o apoio da Xunta aos concellos, ofrecéndolles a todos eles a posibilidade de encomendar a xestión dos servizos de abastecemento e depuración a Augas de Galicia, como ten garantido A Pobra

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 2 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de 1,7 M€ para garantir unha xestión profesional e innovadora da depuradora municipal da Pobra do Caramiñal nos próximos dous anos empregando sistemas de intelixencia artificial.

Vázquez Mourelle achegouse hoxe ata esta depuradora coincidindo co inicio do novo contrato para continuar coa xestión autonómica desta instalación municipal, cuxo mantemento vén asumindo Augas de Galicia desde o ano 2005 cunha achega autonómica que supera os 12,5 M€.

A conselleira indicou que este novo contrato de conservación e mantemento da depuradora municipal, deseñada para unha poboación de 30.000 habitantes e cun caudal medio de tratamento de 6.000 m³/día, abrangue todos os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñadas, en condicións óptimas de funcionamento.

Explicou que esta xestión profesional da depuradora, que xera 3.000 toneladas ao ano de residuos, inclúe as tarefas de mantemento nas que se prevén a retirada de graxas e flotantes no desareador-desengraxador da depuradora, algo fundamental debido aos vertidos de carácter industrial.

Ethel Vázquez destacou a necesidade de implicación, colaboración e actuación por parte do Concello no control e adopción das medidas oportunas para evitar que augas residuais sen tratamento previo cheguen á depuradora, xa que estas achegas industriais dificultan o correcto tratamento e poden derivar en incumprimentos dos parámetros de vertido.

Explicou, ademais, que o contrato de xestión recolle melloras nas instalacións da planta depuradora, coa renovación de determinados equipos, e melloras de calidade e control na prestación do servizo. Prevese, por exemplo, instalar un biosensor para monitorizar a carga orgánica e a toxicidade.

Ademais, a través do novo contrato impulsaranse medidas e actuacións para acadar unha xestión máis profesional e innovadora, empregando sistemas de intelixencia artificial, a través do impulso de proxectos de I+D. Entre eles, citou o aproveitamento de graxas de augas residuais que se separan e se recuperan na depuradora para usalas na obtención de omega-3, apostando pola economía circular e o crecemento verde; o procesado dixital de imaxes en tempo real para a detección e identificación de vertidos, combinando visión artificial e intelixencia artificial; ou a modelización dos procesos de tratamento, combinando ferramentas de simulación e modelos activos para a optimizar o funcionamento da planta de tratamento de augas residuais.

Vázquez Mourelle avanzou un novo investimento da Xunta para mellorar o sistema de saneamento e depuración, dotando a depuradora dun novo sistema terciario que optimiza e incrementa as posibilidades de tratamento. Trátase, concretamente, da substitución do equipo de desinfección de raios UV, para o que será necesario alongar o canal mediante unha estrutura metálica, implantando tamén un sistema de monitorización enerxética. A titular de Infraestruturas adiantou a previsión de licitar as obras neste mes de febreiro, unha vez se conte coa aprobación por parte do Concello, cun investimento da Xunta de máis de 205.000 euros. A actuación será cofinanciada con fondos FEDER 2014-2020.

Fixo tamén fincapé no apoio que vén prestando a Xunta aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento, abastecemento e depuración, consciente das implicacións técnicas e económicas que, en moitos casos, exceden e desbordan a capacidade dos concellos, sobre todo dos máis pequenos.

Para intensificar o acompañamento e axuda aos concellos na prestación destes servizos, Ethel Vázquez adiantou que neste 1º trimestre o Consello da Xunta aprobará a Lei de mellora da xestión ciclo integral da auga para a súa remisión ao Parlamento.

Esta lei permitirá redobrar o apoio da Xunta aos municipios, ofrecéndolles a todos a posibilidade de encomendar a xestión dos seus sistemas de abastecemento e depuración a Augas de Galicia, un beneficio que desfruta e ten garantido actualmente o Concello da Pobra do Caramiñal.

Imaxes relacionadas