O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe os participantes dos cursos de preparación en competencias básicas realizados por esta entidade

A Xunta destaca o traballo da Fundación Amigos de Galicia na inserción laboral de ducias de persoas na cidade de Ourense

O Goberno galego destina 545.000 euros a esta entidade a través das ordes de axuda a entidades e do reparto de fondos con cargo ao 0,7% do IRPF

Ademais deste curso en competencias básicas imparten formación en competencias dixitais e ofimática
 

Ourense, 2 de febreiro de 2022

A Xunta destaca o traballo da Fundación Amigos de Galicia na inserción laboral de ducias de persoas na cidade de Ourense. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe os participantes dos cursos de preparación en competencias básicas realizados por esta entidade.

Trátase da terceira edición deste curso preparatorio, que forma a unha trintena de persoas en materias como Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Inglés de maneira totalmente gratuíta. As sesións formativas teñen lugar no centro cívico da Ponte dous días á semana durante tres horas cada día.

Ademais destes cursos en competencias clave, a Fundación Amigos de Galicia tamén imparte formación en competencias dixitais e ofimática. A Xunta de Galicia colabora a través das axudas a entidades sociais e da orde con cargo ao 0,7% do IRPF. Nas últimas convocatorias o Goberno galego concedeulle a esta entidade 545.000 euros para a realización de programas de inclusión social.
 

Imaxes relacionadas