A Xunta inicia as obras na cuberta do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela

O orzamento para executar a obra é de 480.000 euros e permitirán ademais cambiar os caleiros e mellorar o illamento do edificio

Redondela (Pontevedra), 2 de febreiro de 2022

A Xunta iniciou as obras na cuberta do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela. Actualmente as instalacións presentaban deficiencias que afectan ao seu illamento polo que era preciso a súa substitución. O orzamento para executar esta actuación é de 480.000 euros.

O prazo para a execución desta obra será de catro meses. Trátase dun inmoble de grandes dimensións que conta cunha altura de baixo e tres plantas. Ademais de substituír o material das cubertas e os caleiros que rodean as instalacións, farase unha impermeabilización da terraza sita na zona sur.

No ámbito da discapacidade, ademais das obras que se van executar nas instalacións de Redondela, están proxectados traballos de mellora nos CAPD da Coruña e tamén no de Sarria, cun investimento total de preto de catro millóns de euros.