A conselleira de Política Social participou na entrega de premios do certame organizado pola Unión de Consumidores de Galicia e patrocinado por Carrefour

Fabiola García salienta a importancia de participar dos desexos dos máis pequenos para axudarlles a cumprilos e a converterse en adultos con valores

O concurso acolleu dúas categorías, unha para pequenos de escolas infantís e outra para nenas e nenos menores de 12 anos dun centro de protección

Os participantes tiveron que realizar un debuxo no que plasmaron os seus desexos para este ano, e os gañadores recibiron unha tarxeta regalo de 500 euros intercambiable por xoguetes e material escolar
 

A Coruña, 2 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe a importancia de participar dos desexos dos máis pequenos “para axudarlles a cumprilos e a converterse en adultos con valores”. Fíxoo esta mañá na entrega de premios do certame de debuxos O teu desexo para 2022, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e patrocinado por Carrefour.

Esta é a segunda edición do concurso que contou con dúas categorías: unha para pequenas e pequenos de escolas infantís, e outra dirixida especificamente ás rapazas e rapaces menores de 12 anos que se atopan en centros de acollida ou de protección de menores. Cada unha das modalidades conta cun premio dunha tarxeta regalo de 500€, intercambiable por xoguetes ou material escolar.

Na primeira categoría o debuxo gañador foi o realizado pola aula de 2 a 3 anos da escola infantil Paradai de Lugo, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, mentres que na segunda modalidade o premio foi para unha menor do centro de protección A Milagrosa de Carballo.

Fabiola García agradeceu a posta en marcha de iniciativas como esta para que as nenos e nenos que residan nalgún dos centros de protección da Xunta ou os que acoden a algunha escola infantil da Comunidade poidan amosar a súa creatividade e talento.
 

Imaxes relacionadas