A Xunta destinou preto de 11 millóns de euros a financiar os gastos de 156 centros de saúde de titularidade municipal nos últimos cinco anos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos e o conselleiro de Sanidade, Julio García visitaron as obras de reforma do Centro de Saúde de Campo Lameiro

O goberno galego investiu en 2021 preto de 700.000 euros en colaborar cos concellos na reforma de 16 centros de saúde de titularidade municipal

Pontevedra, 2 de febreiro de 2022

A Xunta destinou 10,7 millóns de euros a financiar os gastos de 156 centros de saúde de titularidade municipal nos últimos cinco anos. Así o explicaron esta mañá, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras visitar ás obras de reforma do Centro de Saúde de Campo Lameiro.

Por provincias, a Xunta destinou 3,7 millóns de euros aos centros de titularidade municipal na provincia de A Coruña desde 2018; 2,5 millóns aos da provincia de Lugo; 2,6 millóns de euros aos situados na provincia de Ourense, e 1,9 millóns aos de Pontevedra.

Na súa intervención, Miguel Corgos subliñou que o ano pasado, o Goberno galego destinou 2,1 millóns de euros para sufragar os gastos de funcionamento destes 156 centros de saúde de toda Galicia: 38 na provincia de A Coruña, 31 na de Lugo, 61 na de Ourense e 26 na provincia de Pontevedra.

Esta achega financeira materialízase, cada ano, a través do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) que inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento que teñen que asumir os concellos de menos de 50.000 habitantes con titularidade de centros de saúde do grupo 1, que son aqueles cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Neste marco, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que no orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-.

Apuntou tamén Miguel Corgos que Galicia conta coa rede de centros de saúde máis extensa e con máis capilaridade en relación á súa poboación. Así, a comunidade galega conta con cerca de 500 centros de saúde, o que supón 147 centros por cada millón de habitantes, practicamente o triplo da media de España. “Concentramos” –precisou- “o 14% dos centros de saúde” do conxunto de Estado e temos o 5,7% dos habitantes, “polo que supoñen máis do dobre dos que nos corresponderían por poboación”.

Ademais, durante a súa intervención subliñou que a Xunta destina preto de 4.600 millóns de euros ás necesidades sanitarias dos galegos, a cifra máis alta da historia e que representa o 40% de todos os recursos, é dicir, catro de cada dez euros dos que dispoñen os orzamentos autonómicos.

Aposta pola atención primaria e cooperación cos concellos

A Xunta segue a impulsar a renovación integral da atención primaria galega. Así, os fondos destinados para este capítulo nos Orzamentos de 2022 contemplan unha partida de 34,3 millóns de euros para investimentos, os segundos máis altos dos últimos 16 anos, só superados polos 54 millóns do pasado exercicio, (nos que se incluía un fondo adicional de 20 millóns pola covid).

Desde o ano 2012, o Executivo galego tamén incrementou en 100 millóns de euros a partida destinada ao persoal deste nivel asistencial, na procura de converter a atención primaria no eixo central do sistema de saúde galego.

Ademais, o conselleiro de Sanidade trasladou ao Parlamento de Galicia a intención da Xunta de incorporar máis persoal á atención primaria, seguir a mellorar o equipamento do centros de saúde e continuar a actuar sobre as infraestruturas sanitarias, para que profesionais e pacientes conten con espazos máis funcionais confortables.

No que atinxe a estas actuacións, desde o ano 2009 a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 95 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. Así, xunto coas obras xa postas en marcha, o Executivo galego investiu nestes 12 anos máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Cómpre destacar que destas 95 actuacións, case un terzo das mesmas foron executadas en colaboración coas administración locais, un modelo que a Xunta continuará a empregar na procura de renovar e optimizar a calidade deste nivel asistencial. En 2021, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal, asumindo os concellos a outra parte do gasto.

Reformas no centro de Saúde de Campo Lameiro

Durante a visita desta mañá, os conselleiros de Facenda e Sanidade poideron ver o resultado da renovación da cuberta do centro de saúde de Campo Lameiro. Unha actuación que contou cun orzamento de 47.313 euros, e que é froito do traballo colaborativo realizado pola a Xunta e o concello pontevedrés.

Así, García Comesaña avanzou a tramitación dun novo convenio de colaboración que completará a renovación integral deste centro de saúde. Adiantando que durante o presente ano, construirase un novo soportal cuberto para o acceso dos pacientes desde a ambulancia, substituirase a carpintaría exterior do edificio, ademais de renovarse os seus radiadores e instalación eléctrica, entre outras melloras.

Os titulares de Facenda e Sanidade agradeceron a boa disposición da alcaldía de Campo Lameiro á hora de abordar unha reforma que se completará nos vindeiros meses, destacando que este tipo de colaboracións interadministrativas permiten ofrecer a súa veciñanza unhas infraestruturas sanitarias en óptimas condicións.

Imaxes relacionadas