O presidente da Xunta participou hoxe no Foro Next Generation Galicia Saúde de vangarda

Feijóo avanza que a Comunidade conta xa con 23 proxectos que optan a formar parte da candidatura galega ao PERTE da saúde

Destas 23 iniciativas destacan 16 proxectos privados e público-privados, vinculados a empresas e centros de coñecemento como o Grupo Zendal, Televés, Everis ou a Fundación Kaertor, sobre vacinas, novos medicamentos ou a instalación de fábricas de produtos farmacéuticos na Comunidade

Entre os sete proxectos públicos salienta a creación dun centro de investigación en tratamentos CAR-T contra o cancro ou a mellora da dixitalización do sistema sanitario

Incide na aposta pola colaboración público-privada como elemento fundamental para mellorar a saúde da poboación, pero á vez fortalecer o tecido industrial e crear emprego de calidade

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Comunidade conta xa con 23 proxectos que, cun investimento público-privado que podería acadar os 850 millóns de euros, optan a formar parte da candidatura galega ao PERTE da Saúde de vangarda.

“Galicia está a traballar para presentar unha candidatura que sexa un proxecto de país co que consolidar a alianza ciencia-empresa”, dixo, subliñando que destas 23 iniciativas, sete son proxectos públicos, como a creación dun centro de investigación en tratamentos CAR-T contra o cancro ou a mellora da dixitalización do sistema sanitario.

A estes súmanse outros 16 proxectos privados e público-privados sobre vacinas, novos medicamentos ou a instalación de fábricas de produtos farmacéuticos na Comunidade. E detrás deles atópanse empresas e centros de coñecemento de recoñecido prestixio como o Grupo Zendal, Televés, Everis ou a Fundación Kaertor.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego salientou que Galicia participa xa en dous proxectos vinculados a este PERTE: no Plan I+D+i en biotecnoloxía aplicada á saúde que, en colaboración co País Vasco, Cataluña, Castela-A Mancha e Estremadura, ten como obxectivo avanzar en ferramentas de diagnóstico e medicina personalizada; e no Programa de misión de I+D en intelixencia artificial no sector da saúde, que aspira á creación dunha rede federada de intelixencia artificial para acelerar a investigación clínica e sanitaria.

Feijóo incidiu na aposta pola colaboración público-privada como elemento fundamental para mellorar a saúde da poboación, pero á vez fortalecer o tecido industrial e crear emprego de calidade. Non en van, salientou que as actividades económicas relacionadas co sistema sanitario dan emprego a 1,8 millóns de persoas en toda España e xeran un valor engadido bruto de 94.600 millóns de euros, o que supón o 8,7% do PIB.

O responsable do Executivo galego concluíu recordando que Galicia leva anos sendo un referente en moitos aspectos da investigación biomédica: coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dirixida por Ángel Carracedo; no eido da nanotecnoloxía farmacéutica, grazas a figuras como María José Alonso; e na incubación e aceleración de proxectos para o descubrimento de novos fármacos e terapias, coa colaboración da Fundación Kaertor e a participación de empresas como Janssen e Lilly, así como da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Neste mesmo sentido, destacou que Galicia é pioneira na busca de solucións innovadoras a través da colaboración entre organismos de investigación e empresas a través do programa das Unidades Mixtas de Investigación, como é o caso, no eido sanitario, dos proxectos de Roche e o grupo Oncomet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) ou o que forman Esteve e o grupo BioFarma da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Imaxes relacionadas