A Xunta impulsa a mellora de tres redes de abastecemento de augas veciñais en Cerdedo-Cotobade cunha achega de case 40.000€

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde Jorge Cubela supervisan a actuación realizada no lugar do Outeiro a cargo da Comunidade de Usuarios de San Xurxo de Sacos para garantir a salubridade da auga e reducir as perdas na subministración

O representante autonómico informa que a Dirección Xeral de Administración Local ten aberto o prazo de solicitude de axudas para asociacións veciñais, de augas e de mulleres rurais ata o 15 de febreiro cun orzamento global de 3 M€

“O pasado ano colaboramos, a través desta orde, con quince entidades da bisbarra de Pontevedra cunha achega global de 220.000 € e contribuímos á mellora de equipamentos e servizos de gran importancia”, aseverou o delegado territorial

Cerdedo-Cotobade, 1 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, impulsou a mellora de tres redes de abastecemento de augas veciñais no Concello de Cerdedo-Cotobade cunha achega de case 40.000 euros ao abeiro do Plan Específico de Acción Comunitaria.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañados doutros representantes municipais, supervisaron esta mañá a actuación realizada no lugar do Outeiro a cargo da Comunidade de Usuarios de San Xurxo de Sacos, que foi unha das tres entidades beneficiarias no municipio.

As axudas da Xunta de Galicia no marco desta orde chegaron, no pasado exercicio, a esta entidade e ás comunidades de augas de Famelga, na parroquia de Augasantas, e Vila de Riba, na de Santa María de Sacos, para mellorar os seus servizos de subministración de auga potable e garantir o abastecemento da veciñanza.

En canto á actuación realizada en San Xurxo de Sacos, supuxo un investimento de 18.019 euros e contou cunha axuda da Dirección Xeral de Administración Local de 14.916 euros, o que permitiu a substitución da longa tubaría do Outeiro, deteriorada tras trinta anos de uso, a execución da acometida eléctrica e do cadro do depósito, a instalación de sistemas de depuración e a análise das augas.

“Esta mellora era fundamental para a parroquia de San Xurxo, xa que permite clorar e desinfectar a auga facendo que sexa apta para o seu consumo, ao tempo que se reducen as perdas existentes na rede e que mermaban o servizo aos cidadáns”, detallou López.
Polo demais, o delegado territorial aproveitou esta visita para informar de que a Xunta de Galicia xa ten aberta a convocatoria do Plan Específico de Acción Comunitaria para o presente ano, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de febreiro e que dispón dun orzamento total de 3 millóns de euros tras aumentalo nun 20% con respecto á orde de 2021. Polo demais, mantéñense as condicións anteriores e as axudas oriéntanse a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e entidades de mulleres rurais.

“O pasado ano colaboramos, a través desta orde, cunha quincena de entidades da bisbarra de Pontevedra cunha achega global duns 220.000 euros que contribuíu á mellora de equipamentos e servizos de gran importancia para os veciños, polo que este ano tamén agardamos unha gran concorrencia por parte dos colectivos”, aseverou o delegado territorial.

Entre as entidades beneficiarias da comarca, ademais destas tres de Cerdedo-Cotobade, tamén figuran Fonte Salgueira (Pontevedra), Veciños de Forzáns e Comunidade de Buchabade (Ponte Caldelas), Asociación de Veciños Pardavila (Marín), as comunidades de Vilaboa, Chan do Monte e Pousada (Vilaboa) e ás asociacións veciñais San Bartolomé da Xesta, Xende e Paradela, Laxedo e Escuadra e o Centro Cultural do Pelete (A Lama).

Imaxes relacionadas