A Xunta destina 5M€ á formación de máis de 1.800 persoas desempregadas en centros educativos de FP

A Xunta ofertará un total de 123 cursos na presente convocatoria

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, referendaron seu acordo para impulsar a empregabilidade de galegas e galegos mediante estas accións

Desde o ano 2015 máis de 13.300 alumnas e alumnos recibiron formación para o emprego grazas a esta colaboración
 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

A Xunta destinará este ano 5 millóns de euros para que máis de 1.800 persoas, principalmente desempregadas, acaden o seu certificado de profesionalidade nos centros de formación profesional da Comunidade. As consellerías de Cultura, Educación e Universidade e a de Emprego e Igualdade veñen de referendar o acordo co que se ampliará a oferta de ensinanzas de Formación Profesional inicial e para o emprego nestes centros de ensino.
Tanto o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, como a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, incidiron no esforzo compartido de ambos os dous departamentos a prol da impartición das ensinanzas de Formación Profesional na comunidade. “O obxectivo concrétase en ampliar a oferta formativa á vez que se aplica o principio de eficiencia na xestión, cun mellor aproveitamento dos recursos”, especificou Lorenzana.
Román Rodríguez destacou a importancia dos centros de FP para axudar ás persoas adultas a mellorar as súas opcións no mercado de traballo, a través deste tipo de cursos como da propia FP a distancia ou do procedemento de acreditación de competencias adquiridas a través da experiencia laboral. “Impulsamos a formación das persoas ao longo da vida a través de varios eixos de actuación, convencidos de que no mundo actual é necesaria a recualificación constante das competencias profesionais”, sinalou.
No marco deste acordo artéllanse, dunha banda, as propostas de formación para o emprego, prioritariamente para persoas desempregadas, en centros educativos de Formación Profesional dependentes da área de Educación. Por outra, autorízase a oferta reducida dalgúns módulos singulares e Formación Profesional inicial, polo réxime de persoas adultas, en Centros Integrados de Formación Profesional, dependentes da Consellería de Emprego e Igualdade.

Formación para o emprego

A Xunta está a reforzar os cursos de formación para o emprego conducentes a obter certificados de profesionalidade, dirixidos prioritariamente a persoas en situación de desemprego, que se impartirán nos centros educativos de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Así dispón un orzamento de 5.002.038 euros, co que se permitirá formar a 1.845 persoas alumnas en 123 cursos. Por provincias, A Coruña acollerá 58 accións; Lugo, 20; Ourense, 14 e Pontevedra, 31. Esta oferta supón unha ampliación do 10% respecto do ano pasado.
Ademais das correspondentes horas destinadas á obtención do certificado profesional, todos eles inclúen un módulo de inserción profesional, de Igualdade entre homes e mulleres e un terceiro de prevención de riscos laborais nos casos nos que resulte preciso.
Desde o ano 2015 máis de 13.300 alumnas e alumnos recibiron formación para o emprego nos centros galegos de Educación, grazas á colaboración entre os dous departamentos da Xunta, que investiu cerca de 30M€ nesta finalidade desde entón.

Formación profesional inicial

En canto á Formación Profesional inicial, grazas ao acordo hoxe referendado, garántese a oferta formativa da Consellería de Emprego e Igualdade nos centros da súa competencia en módulos singulares a través do Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago -no que se impartirá formación profesional agraria e de xestión forestal e do medio natural- e o Centro Integrado de Formación Profesional de Coia -que ofertará formación profesional de instalación e mantemento, módulos de mecatrónica industrial e de automatización e robótica industrial- .
Como novidade neste 2022, incorpórase ao acordo a Escola de Formación Profesional Marítimo-Pesqueira de Bueu, na que se impartirán módulos con formación específica en actividades marítimo-pesqueiras, en colaboración co Instituto de Educación Secundaria Johan Carballeira da localidade.
Con estas actuacións o Goberno galego pretende coordinar a oferta de formación ás demandas e necesidades do tecido industrial e produtivo de Galicia e contribuír á xeración de máis emprego e de mellor calidade para favorecer o crecemento económico da Comunidade.

Imaxes relacionadas