A Xunta abre a nova convocatoria de axudas deportivas tras conceder 837.000€ en achegas a 72 clubes da cidade de Pontevedra

O delegado territorial, Luis López, reuníuse no edificio administrativo da Xunta coas entidades beneficiarias das axudas da Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 e infórmalles da nova orde para este ano co responsable provincial, Daniel Benavides

O representante autonómico explicou os requisitos das novas liñas de axudas, abertas ata o luns 7, nas modalidades ordinaria, covid-19, reactivación e equipamentos

“Os clubes de Pontevedra están a facer un enorme traballo polo deporte e contan cun decidido e importante apoio da Xunta, que imos confirmar este ano coa nova convocatoria, á que agardamos que concorran masivamente”, explicou Luis López
 

Pontevedra, 1 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de abrir unha nova convocatoria de axudas para clubes deportivos co obxectivo de seguir apoiando o traballo destas entidades da cidade de Pontevedra despois de concederlles achegas por 837.000 euros o pasado ano a un total de 72 delas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides, mantivo onte á noite un encontro cos clubes do municipio no edificio administrativo da Xunta en Campolongo para informarlles dos requisitos das novas liñas de axudas deportivas da Xunta para o presente ano, que teñen aberto o seu prazo de solicitude ata o luns 7 de febreiro e que contan coas modalidades de subvención ordinaria, covid-19, reactivación e equipamentos.

Os beneficiarios pola Secretaría Xeral para o Deporte coas axudas de 2021 foron Teucro, Gimnástica, Arxil, Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, Pontevedra CF, Cisne, Leis 26, Tenis de Mesa Monte Porreiro, Galaico, Voleibol Pontevedra, Xadrez Pontevedra, Treboada, Marcón Atlético, Club Naval, Farto, Estudiantes, SCD Salcedo, Club Aromón Pontevedra Montañeiros A Roelo, Waterpolo Pontevedra, Salvamento Acuático Pontevedra, Escola Hungaresa de Esgrima, Galaico Sincro, ACD A Seca, Portero 2000, Pontevedra Rugby, Bádminton Ravachol, Salgueiriños, CD Lérez, Agrupación Juvenil de Lérez, FS Cidade de Pontevedra, Mar de Aguete, Boa Vila Tiro con Arco, Asociación de Boxeo de Pontevedra, Club Piragüismo Verducido-Pontillón, SD Monteporreiro, Natación Sincronizada Pontevedra, Clube de Loita Pontevedra, Club de Tiro Río Lérez, BVB, Club Río Verdugo de Piragüismo, Integración Deportiva Pontevedra, Peña Ciclista Moto Bike, Club de Taekwondo Taekanart, Escudería Pontevedra Team 1984, Asociación Club de Boxeo David Burgos, Equipo Ciclista Cidade de Pontevedra, Xiada, Halterofilia Rías Baixas, Cernadiñas Novas, Asociación de Boxeo de Pontevedra, Cerponzóns CF, Club Arco Xeve, As Triscas, Mace-Sport, Club Tenis Pontevedra, Club Número Phi, Clube Sapo, Mareantes Rugby Club, Poio Bar Monterrei, Rayovedra, Federación Galega de Piragüismo e Club Deportivo Old School Boxing.

“Os clubes da cidade de Pontevedra están a facer un enorme traballo polo deporte, e máis nas difíciles circunstancias que xerou a pandemia, e por iso contan cun decidido e importante apoio da Xunta, plasmado nestes máis de 800.000 euros en achegas directas só o ano pasado, e que vai ter continuidade neste exercicio, polo que acudimos a informarlles para que concorran masivamente á nova convocatoria”, explicou o delegado territorial.

Ademais, Luis López explicou que estas axudas aos clubes para o funcionamento, os equipamentos e incluso o material necesario para o cumprimento dos protocolos fronte á covid-19 complementouse con investimentos para certas obras nas súas instalacións deportivas.
 

Imaxes relacionadas