A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o resultado dos traballos da nova senda na AC-552, que beneficia a ambos os dous municipios bergantiñáns

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 1,1 M€ no novo itinerario entre Carballo e Coristanco, que terá continuidade na senda de acceso ao centro comercial, que se licitará na primavera

Destaca o beneficio social desta senda, moi valorada e empregada polos veciños desde finais de decembro e que dá continuidade ás beirarrúas de Carballo ata as de Montecelo, en Coristanco

O novo itinerario, con 2,5 km de lonxitude, dá acceso á factoría de Calvo en Carballo e conecta coa beirarrúa de Montecelo

Carballo (A Coruña), 1 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de 1,1 millóns de euros no novo itinerario na estrada AC-552, entre Carballo e Coristanco, que terá continuidade na senda de acceso ao centro comercial que se licitará na primavera.

Vázquez Mourelle, xunto cos alcaldes de Carballo e de Coristanco, Evencio Ferrero e Juan Carlos García, respectivamente, comprobou hoxe o resultado dos traballos da nova senda na AC-552, que beneficia a ambos os dous municipios.

Trátase dun novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, co obxectivo de favorecer os desprazamentos cotiáns dos veciños e reforzar a seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables das estradas.

Os veciños dispoñen desde finais de decembro deste novo itinerario, que valoran e empregan acotío por mor da súa seguridade e comodidade, pois dá continuidade ás beirarrúas de Carballo ata as que había no lugar de Montecelo, xa en Coristanco.

A conselleira destacou os beneficios sociais destes itinerarios, moi valorados e empregados polos veciños.

O novo itinerario desenvólvese ao longo de case 2,5 km, desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco. De modo máis concreto, 600 metros discorren pola marxe dereita, comunicando a beirarrúa en Carballo con esta vía de acceso á factoría de Calvo; e 1,9 km pola esquerda, desde a saída de Carballo ata a beirarrúa de Montecelo, continuando pola dereita ata Coristanco.

Ademais para salvar o río Grande acometeuse unha pasarela, adosada ao viaduto, o que permitiu reducir as cimentacións necesarias e evitar afeccións á contorna fluvial.

Tamén se pavimentou a senda e se completaron os traballos coa drenaxe de pluviais e a execución da obra civil de servizos, en coordinación coa renovación de canalizacións de telecomunicacións e alumeado que executou o Concello.

Máis sendas seguras e sustentables

Lembrou que a actuación visitada completa os itinerarios previstos na 1ª fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños, co que xa se puxo á disposición dos veciños 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento autonómico de 5M€.

Estas actuacións da Xunta están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Ethel Vázquez avanzou que o Goberno galego segue traballando na dotación de sendas e dará resposta á solicitude dos veciños de Coristanco, continuando este itinerario con 2 novos treitos na AC-552 para favorecer o acceso a pé ao centro comercial, que se licitará en primavera, cun investimento de 716.000 euros.

Remarcou que tamén están en contratación as obras da senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán, en Ponteceso, para iniciar na primavera; e tamén a do Couto, que se licitará canto antes. Sumou as sendas en Laxe, en Soesto e Serantes, licitadas en xaneiro.

Mobilidade

Fixo fincapé na mellora das infraestruturas viarias da zona por parte da Xunta, pois en marzo se prevé someter a información pública o proxecto de trazado da 1ª fase da Variante de Carballo, no tramo de Bértoa, que suporá un investimento de 15 M€.

Tamén puxo en valor a aposta polo transporte público, que se ten traducido na modernización de todas as liñas e en iniciativas como a gratuidade no autobús da Xunta para os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova. Así, sinalou que preto de 1.500 mozos de Carballo dispoñen deste dispositivo, co que en 2021 fixeron máis de 31.000 viaxes de balde.

O Executivo autonómico tamén levará a cabo nos vindeiros días obras de humanización na estación de autobuses de Carballo, cun investimento próximos aos 50.000 euros, para crear un espazo de uso público máis aberto á vila, abrindo ao exterior a cafetería.

Imaxes relacionadas