A Xunta destaca o compromiso das empresas galegas que se reflicte na súa conciencia e sensibilidade cara ao seu entorno máis inmediato

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, interveu esta mañá en Santiago de Compostela na presentación da II Edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida

Avoga pola necesidade de coidar e impulsar a sustentabilidade, a igualdade de oportunidades, o talento e os valores do territorio, elementos recollidos na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, interveu esta mañá en Santiago de Compostela na presentación da II Edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida, onde destacou o compromiso das empresas galegas. Un aspecto que se reflicte na súa conciencia e sensibilidade cara ao seu entorno máis inmediato.

Neste sentido agradeceu a elaboración deste informe –no que participaron 70 empresas que suman unha facturación conxunta de máis de 30.200M€ e que xeran 227.484 empregos directos- como ferramenta de diagnóstico e termómetro sobre o comportamento do tecido empresarial galego en diferentes ámbitos relacionados coa transparencia e o bo goberno, o medio ambiente, a súa relación co territorio ou a súa reacción ante a pandemia.

Así, destacou algúns dos resultados obtidos, como o feito de que o 70% das empresas consultadas non recorreu a un Erte durante a pandemia, ou que o 97% implantou algunha solución de teletraballo.

Conde indicou que o informe revela como están abordando as empresas a transformación dixital e enerxética e subliñou a importancia de realizar este camiño de xeito conxunto, a través da colaboración público-privada, facendo especial énfase na integración das cadeas de valor. Explicou que desde a Administración galega impulsouse unha candidatura aos fondos europeos Next Generation que incide na sustentabilidade, a igualdade de oportunidades, o talento, os valores do territorio, a dixitalización ou a I+D+i para aproveitar esta oportunidade, sobre todo entre as pequenas e medianas empresas galegas.

Imaxes relacionadas