As conselleiras de Política Social, Fabiola García, e de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, saudaron aos empregados públicos que se trasladaron a este edificio

A Xunta sinala que o Espazo Amizar aglutina a solidariedade e a vocación de servizo público nunhas instalacións renovadas e modernas

Fabiola García e María Jesús Lorenzana agradeceron a estes profesionais o seu labor, mesmo nos peores momentos da pandemia, para atender ás necesidades dos cidadáns

Nestas instalacións tramitaranse as solicitudes relacionadas coa familia—como a Tarxeta Benvida ou o Bono concilia—, coa xuventude—como as prazas en campamentos ou en programas de voluntariado— e coa inclusión—como a Risga

Na terceira planta instalaranse 12 entidades sociosanitarias para as que se convocará nas vindeiras semanas un concurso público para a adxudicación en base a criterios obxectivos

Lorenzana indicou que o edificio amplía a superficie útil para Emprego nun 22% e anunciou que os servizos territoriais de Igualdade tamén se desprazarán a Amizar

Co traslado destes profesionais aforraranse un total de 750.000 euros anuais en concepto de alugueiros
 

A Coruña, 1 de febreiro de 2022

A Xunta sinalou que o Espazo Amizar aglutina a solidariedade e a vocación de servizo público nunhas instalacións renovadas e modernas. As conselleiras de Política Social, Fabiola García, e de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañadas do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, saudaron aos empregados públicos de ambos departamentos que se instalaron este mes neste edificio.

A conselleira de Política Social aproveitou a súa visita para agradecer a todos estes profesionais o seu traballo, mesmo nos peores momentos da pandemia, para axudar a todas aquelas persoas que precisaran de axuda por parte da Administración. Lembrou que o seu labor resulta fundamental para dar resposta ás necesidades da cidadanía de maneira individualizada e efectiva.

Fabiola García concretou que nestas renovadas oficinas as coruñesas e coruñeses poderán xestionar todos aqueles trámites relacionados coa familia, como a Tarxeta Benvida, o Bono concilia ou de familia numerosa; coa xuventude, como as prazas en campamentos ou en programas de voluntariado; ou as solicitudes de Risga ou Axudas de Inclusión Social.

Ademais, na terceira planta deste Espazo Amizar instalaranse 12 entidades sociosanitarias que achegarán o espírito de solidariedade destas instalacións. Nas vindeiras semanas convocarase un concurso público para a súa adxudicación en base a criterios obxectivos.


Símbolo de identidade para a cidade


A conselleira de Emprego e Igualdade pola súa banda, destacou que o cambio de emprazamento das oficinas o seu departamento busca “mellorar o día a día do persoal” e da cidadanía, ao poder optar aos servizos nun edificio que, dixo, “aspira a converterse nun símbolo de identidade da cidade herculina”. Anunciou ademais que o proxecto contempla a instalación dos servizos territoriais da área de Igualdade tamén nestas dependencias.
A Consellería de Emprego e Igualdade ten previsto mobilizar ao novo espazo un total de 108 persoas, da Xefatura Territorial e das oficinas de emprego, das que un total de 76 xa traballan en Amizar. O cambio de ubicación supón unha melloría importante de superficie, que destinará a estes servizos uns 2.270 metros cadrados, un 22% máis que a suma das antigas dependencias de Monelos e da oficina de emprego da rúa Orillamar da Coruña. Ademais co traslado aforraranse un total de 750.000 euros anuais en concepto de alugueiros.
Durante a visita tamén lembraron o legado do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, quen ideou este proxecto para aproveitar a antiga sede de Sanidade da cidade da Coruña e darlle un novo cometido a este edificio. Na súa reforma e adaptación a Xunta investiu preto de 7 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas